Notas de prensa

Homenaxe ao centro galego de Montevideo, o máis antigo do mundo en funcionamento

A cámara de representantes e mais o senado de Uruguai homenaxean o centro galego de Montevideo, o máis antigo do mundo en funcionamento. Tamén a Administración Nacional de Correos da república, cun cuño conmemorativo, e mais a Xunta Departamental da capital, cunha sesión monográfica, renden recoñecemento ao 135 aniversario desta comunidade.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, representa a Galicia e ao seu Goberno en varios dos actos conmemorativos cos que diversas institucións da República Oriental do Uruguai renden homenaxe ao 135 aniversario do Centro Galego de Montevideo, a comunidade galega do Exterior en funcionamento máis antiga do mundo.

Así, os integrantes da Xunta Departamental de Montevideo desprázanse da sede oficial deste organismo para celebrar unha sesión especial de homenaxe ao Centro na sala Valle-Inclán, nas instalacións deste, nun acto no que se deixa constancia da singularidade do evento coa colocación dunha placa conmemorativa.

Ademais, procédese á declaración de visitantes ilustres da cidade de Montevideo ás personalidades galegas e españolas que a visitan co gallo desta homenaxe, entre as que se atopa o secretario xeral da Emigración. Asemade, Rodríguez Miranda preside a entrega oficial dunha mostra de libros de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, e Castelao, e outra documentación da cultura galega, á Biblioteca José Artigas (máximo prócer da República).

Históricas ligazóns

Tamén a Administración Nacional de Correos de Uruguai súmase á iniciativa cun cuño especial dese 135 aniversario, recoñecendo así o carácter destacado dunha das entidades con maior presenza social, cultural e histórica no país. Correos de Uruguai ten, por outra parte, unha vinculación histórica especial con Galicia, por canto as primeiras cartas enviadas a aquel país fretábanse desde a nosa terra: antes da súa independencia de Uruguai, o Goberno español dispuxera xa en 1765 que, de forma bimensual, un paquebote levase a correspondencia destinada ao daquela Virreinato del Río de la Plata precisamente desde o porto da Coruña, nunha travesía que duraba tres meses.

Esta realidade das profundas ligazóns históricas e culturais, e por suposto de carácter persoal en milleiros de emigrantes, será recoñecida igualmente con diversos acontecementos deportivos locais, e co lanzamento público da asociación de amigos do Camiño de Santiago no Uruguai.

Finalmente, o acto de maior peso institucional son as homenaxes ao Centro Galego de Montevideo nas cámaras de senadores, e de deputados, da República Oriental, que teñen lugar no palacio lexislativo, e que pechan da maneira máis formal as múltiplas expresións de ánimo e parabéns recibidas polo centro nos últimos meses. Esta actividade oficial dá mostra, ademais, da importancia da colectividade galega naquel país, e do respecto que sempre teñen amosado e amosan as súas institucións.

Historia do Centro

O Centro Galego de Montevideo, que preside na actualidade Jorge Torres, foi fundado en agosto de 1879, data que o acredita como o máis antigo -en funcionamento- do mundo; constitúese polo tanto nun centro histórico para a galeguidade. Esta institución destacou sempre polas súas actividades no terreo cultural, desenvolvendo un amplo programa con ciclos de conferencias, obras teatrais, exposicións, concertos, cursos e festivais de danza.

Na vertente social, organizan diversas actividades de carácter benéfico en apoio do Hogar Español de Ancianos, e coordina diversos programas asistenciais a favor dos nenos descendentes de galegos, especialmente os máis desfavorecidos. No ano 2002 a Xunta outorgoulle a Medalla de Galicia de Prata.

A sede social foi construída en 1923 e ocupa un dos pazos máis fermosos de Montevideo, que abrangue o teatro Valle-Inclán, a sala Rosalía de Castro, a biblioteca Concepción Arenal, a sala de lectura Castelao, servizos de restauración, varias salas de reunións, de xogos e de ensaios. No ano 1994 foi inaugurado o novo parque social e polideportivo na zona residencial de Carrasco, que conta con importantes instalacións de recreo e deportivas dotadas de campos para a práctica deportiva, zonas de recreo, e edificio social.

Outros actos en Montevideo

Durante a súa estadía na capital uruguaia, o secretario xeral da Emigración tamén visita a Escola Galicia, onde é recibido por parte de alumnos, docentes e persoal directivo, e descubre unha placa identificativa, sobre a fachada principal, co nome da escola, e entrega libros do escritor galego emigrado a aquel país Manuel Losa. Ademais, doa material deportivo e asiste aos actos na honra de Galicia desenvolvidos polo alumnado.

Tamén asiste a un encontro coa mocidade galega de Uruguai –fundamentalmente fillos e netos de emigrantes- nas instalacións polideportivas do Centro Galego en Carrasco, onde estampará a súa sinatura no libro de honra da entidade.

Rodríguez Miranda visita igualmente nesta nova andaina por Uruguai o Centro Español de Maldonado, outra das colectividades de emigrantes cun destacado número de galegos, localizada a uns cen quilómetros da capital do país, e que está a piques de cumprir medio século. A entidade está presidida por Javier Carballal, de orixe galega.

Con Rueda en ‘Bos Aires celebra Galicia’

Rodríguez Miranda acompañará ao vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda na grande festividade da colectividade galega en Arxentina, o ‘Bos Aires celebra Galicia’, que terá lugar en plena avenida de Maio, e que achegará a Galicia actual a millóns de residentes e visitantes da capital arxentina.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-09-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
Foto de la tercera plana (autopista-ap9.jpg) A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.

Notas

O próximo 12 de agosto a Península Ibérica vivirá un dos eventos astronómicos máis importantes do século: unha eclipse total de Sol. Pola súa posición xeográfica, a súa climatoloxía e a súa contorna histórica-monumental, a cidade de Lugo foi sinalada como un dos mellores destinos de toda Europa para contemplar este fenómeno na súa máxima plenitude.
A VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH) está estes días celebrándose no campus de Ourense, cunha visita tamén a Lugo. A cita reúne a 80 especialistas de España e Portugal e conta cun programa formado por 50 relatorios e 35 pósters nos que se abordan as últimas novidades e proxectos neste eido de investigación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES