O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, quere transmitir, no nome da Xunta de Galicia e no de todos os galegos, os seus parabéns a Javier Gómez Noya pola súa vitoria nas Series Mundiais de tríatlon. O deportista ferrolán acadou onte o seu cuarto triunfo na máxima competición internacional deste deporte olímpico, tras acabar en terceira posición na Gran Final celebrada na localidade canadense de Edmonton.
O mandatario galego enxalza a capacidade de esforzo, loita e sacrificio amosada por Gómez Noya ao longo da súa carreira deportiva, que o converten nun exemplo para toda a cidadanía, especialmente para os máis novos. Grazas a estes valores, o novo campión do mundo de tríatlon ten conseguido un palmarés extraordinario, no que destacan a súa medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Pekín e os títulos mundiais de 2008, 2010, 2013 e xa de 2014. Por todo iso, o presidente da Xunta considera a Gómez Noya como un dos mellores deportistas galegos da Historia e deséxalle sorte de cara aos seus próximos retos.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.