Notas de prensa

A cerámica de Samos protagoniza ata o 30 de setembro unha mostra no Museo Provincial de Lugo

O Museo Provincial de Lugo acolle ata o 30 de setembro unha interesante e completa mostra que repasa a tradición oleira de Samos e analiza as distintas formas da cerámica popular galega. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, inaugurou esta tarde esta exposición, titulada Formas Tradicionais da Cerámica Popular, Samos, e que ocupará até finais de setembro a sala central de exposicións do Museo Provincial de Lugo.

Durante a súa intervención, Mario Outeiro explicou que os obxectivos concretos que persegue a área de Cultura da Deputación con esta mostra son “poñer en valor a cerámica popular galega, coñecer e difundir a produción realizada en Samos (Lugo), potenciando a investigación e exhibición do nos patrimonio cultural e promover a conservación e protección destas senlleiras pezas e dos elementos a elas asociados: fornos, instrumental, pendellos das feiras e mercados, etc”.

“Das catro zonas oleiras da provincia de Lugo, Gundivós (Sober), Mondoñedo, Bonxe (e outras parroquias da Terra Chá) e Samos, a de Samos era a cerámica menos estudada e menos coñecida. Esta mostra fai xustiza á súa importancia e creatividade artística e pona no primeiro nivel”, afimou o responsable de Cultura da Deputación, que anunciou que “está xa no prelo un libro que plasmará todos os estudos e traballos de recuperación feitos para esta exposición”, avanzou.

Pezas cedidas polo Museo do Pobo Galego e por particulares

Comisariada por Orlando Viveiro Veiga e Luis Hixinio Flores Rivas, esta exposición está formada por unha escolma de pezas de cerámica popular realizadas no concello de Samos dende o ano 1700 ata mediados do século XX, que amosan diversas tipoloxías e que se expoñen xunto cunha contextualización informativa e fotográfica, co obxecto de poñer en valor a cerámica popular galega a traves do coñecemento, neste caso concreto, da produción realizada en Samos.

Coordinada por Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo, esta exposición contou coa colaboración do Museo do Pobo Galego, de Adofo Abel Vilela, Carlos de Lamartín, Eloi Caldeiro, Gerardo Caldas Alvaredo, Manuel Fernández (Lolo), Antigüidades Calzada, María García Ayasu, Xaime Fernández Barrio, Xerardo Alvaredo, Esther Celeiro e Ramiro Barros Justo.

Actividade oleira nas parroquias que rodean o mosteiro de Samos

No espazo xeográfico da provincia de Lugo existiron historicamente catro centros oleiros produtores de cerámica tradicional: Mondoñedo, Gundivós (concello de Sober), Bonxe e outras parroquias da Terra Chá e, por último, Samos. Neste concello desenvolvíase esta actividade en diversos lugares asentados no circundo do antigo couto que rodeaba o mosteiro bieito alí establecido. Existen indicios en parroquias como Renche, Santa María de Loureiro, Romelle ou Calvor.

As referencias documentais amosan unha plena implantación desta industria xa no século XVIII. Dende aquela sobrevivíu até os anos cincuenta do século pasado constatando a presenza de artesáns cacharreiros, coñecidos tamén como barraxeiros ou louceiros. Os derradeiros exerceron o oficio até hai unhas décadas.

Recuperación de elementos de fabricación como os fornos

A exposición pon o acento tamén en elementos como os fornos, dos que aínda quedan algúns exemplos en pé, pero en moi mal estado de conservación, para que a Xunta de Galiza, que a administración competente, tome medidas para garantir a súa protección, conservación e restauración, demandou tanto Mario Outeiro como Orlando Viveiro, un dos comisarios da exposición, por ser un “importante patrimonio que está a piques de desaparecer e que non se debe perder”, afirmou.

Os fornos da zona de Samos presentan unhas características particulares que os diferencian dos outros fornos que existen nas restantes tres comarcas oleiras da provincia de Lugo: teñen dúas cámaras, a de conbustión e por riba dela a de cocción. En canto ao torno, igual que os de Bonxe e Mondoñedo, é un torno alto de dúas rodas: unha grande de 105 centímetros de diámetro, que se usaba para impulsar o torno co pé, e outra pequena de 23 cm na que xiraba o barro mentras se ía modelando coas mans.

As pezas de olería, que se usaban tanto para a cociña, para almacenaxe ou decoración, eran vendidas fundamentalmente nas feiras. Na contorna de Samos había tres principais feiras onde se comerciaba con estas pezas de olería.

Deputación Provincial de Lugo - Vicepresidencia Primeira, 2014-08-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES