
O titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, visitaron o Festival de Cine de Cans na compaña dos 38 escolares e os 4 docentes do CEIP de Leirado convidados a participar na actividade Cans do futuro por Cultura e Educación, en colaboración coa dirección do Festival de Cine de Cans.
Vázquez Abad animou os estudantes a afondar no seu coñecemento do mundo do cine e a continuar creando e expresándose en galego a través dos medios audiovisuais. O conselleiro explicou que Nós tamén creamos! e o Festival de Cans son dous xeitos diferentes e complementarios de facer cultura cinematográfica en galego e desde unha perspectiva galega.
Antes de facer con eles unha fotografía de recordo no xa famoso chimpín, o alumnado tivo ocasión de percorrer acompañados polo director do Festival, Alfonso Pato, a aldea de Cans e de coñecer así as instalacións onde se desenvolve esta semana un dos encontros cinematográficos máis representativos de Galicia. Tamén asistiu ao pase de varias curtas de distintos xéneros e mantivo un encontro con Susana Sotelo, directora da curtametraxe documental Querida Gina, unha das que o estudantado puido ver proxectadas.
Cans do futuro
Os nenos e nenas do CEIP de Leirado son os gañadores dun dos premios da pasada edición de Nós tamén creamos! pola curta de animación Ernesto Bo Día que eles mesmos elaboraran coa técnica stop-motion. O seu traballo vese recoñecido unha vez máis co convite do Festival de Cans e da Consellería de Cultura e Educación para participaren en Cans do futuro, unha actividade dirixida a escolares e destinada a darlles a coñecer de primeira man este festival de cine. As sesións de Cans do Futuro do Festival de Cans 2014 estanse desenvolvendo desde o mércores e ata mañá venres. A elas acode alumnado de diferentes centros educativos do concello do Porriño ou doutros concellos próximos.
Nós tamén creamos!
Nós tamén creamos! é un programa de dinamización lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coa Compañía de Radio-Televisión de Galicia e con OQOeditora a través do cal escolares de educación infantil e de primeiro e segundo ciclo de primaria elaboran curtas de animación en galego que adaptan narracións literarias. O profesorado recibe materiais e formación desde o curso 2013-2014, no marco do Plan Proxecta- para levaren adiante co seu alumando estes proxectos cinematográficos.
Nós tamén creamos! fomenta o uso do galego nos centros educativos en novos espazos e soportes; a innovación na aprendizaxe de linguas; unha relación positiva dos rapaces e rapazas coa lingua galega; a lectura e a creatividade no idioma propio de Galicia e a presenza do galego en internet.
Apoio ao Festival de Cans
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e tamén da AGADIC, co Festival de Cans no desenvolvemento da undécima edición deste certame de curtametraxes galegas, que ten lugar do 21 ao 24 de maio nesta aldea do Porriño da que toma o nome.
Ademais da proxección das 17 curtas e dos 18 videoclips que entran a concurso, o programa inclúe estreas de longametraxes, concertos, coloquios, presentacións de novos proxectos e a celebración do 20 aniversario do boom do rock galego, así como a actividade Cans do Futuro, dirixida a escolares.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.