Notas de prensa

A internacionalización de Galicia atrouxo 360 millóns de euros e 6.500 empregos

A estratexia do Plan de Internacionalización de Galicia avanzada pola Xunta focalizará os esforzos exportadores galegos a curto e medio prazo en países iberoamericanos como México, Brasil, Colombia, Perú, ademais de mercados de alcance como China, Estados Unidos, Rusia e Marrocos.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou que a aposta por acadar unha Galicia netamente internacionalizada a través de programas como o Galicia Inviste ten permitido á comunidade atraer investimentos por máis de 360 millóns de euros desde 2009, que crearon preto de 6.500 postos de traballo en Galicia. Durante unha intervención no Parlamento, Conde resaltou que eses bos números, e o recente récord histórico das exportacións galegas, se deben a “unha nova e imprescindible cultura para toda a economía dun país, que debe estar presente en tódalas fases da xestión empresarial”.

Conde lembrou a íntima relación entre crecemento económico e internacionalización económica, e resaltou que desde 2009, ao falar do crecemento das comunidades autónomas en España, en 2 de cada 3 casos as exportacións e o PIB mostraron comportamentos parellos. “Se as exportacións medran, o PIB medra, e se as exportacións se reducen, o PIB diminúe. E esa relación increméntase ao 68% se tamén temos en conta o Investimento Estranxeiro Directo”, dixo o conselleiro.

De aí, resaltou, o especial esforzo institucional, económico e de recursos humanos que a Xunta está a poñer ao servizo da internacionalización, e que foi clave nese récord exportador. Unha marca que, apuntou Conde, non é só cuantitativa (cun crecemento das vendas dun 11% desde 2012 e dun 32% desde 2009), senón cualitativa.

“Exportamos máis e mellor”, dixo, subliñando a diversificación dos negocios internacionais das empresas galegas: mentres as exportacións á UE, o destino principal das vendas, se incrementaron nun 8% entre 2009 e 2013, o incremento no caso dos países da OPEP foi dun 162%, e dun 170% no caso de Iberoamérica. Ademais, as empresas exportadoras son cada vez de maior tamaño, un paso clave para implicar a todo o tecido produtivo no esforzo internacionalizador galego.

Conde resaltou como eixo clave nese crecemento o apoio do Goberno galego á implantación das empresas no exterior, un respaldo que, destacou, se da ao longo de todo o ciclo de comercialización exterior. Neste senso, nos últimos cinco anos ese acompañamento se traduciu en 900 diagnósticos gratuítos sobre o seu potencial internacional, 300 proxectos de titorización en colaboración coas escolas de negocios, servizos en destino a través da rede Pexga a máis de 500 empresas, ou a contratación de 1.500 novos expertos en internacionalización por parte das empresas.

Apoios a 2.000 empresas

“Estamos falando de que a Xunta de Galicia ten atendido e apoiado os procesos de internacionalización de máis de 2.000 empresas galegas. Un terzo das empresas exportadoras”, destacou Conde. Hoxe, tras un constante crecemento, o total de compañías exportadoras de Galicia suma máis de 6.400.

Ademais deses apoios, Conde resaltou especialmente dúas ferramentas como soportes fundamentais da expansión internacional de Galicia: en primeiro lugar o programa Primex, que fomenta a colaboración entre as pemes para implantarse noutros países, e no que máis de 350 empresas galegas están cooperando nun total de 25 mercados exteriores, desenvolvendo 80 proxectos. E en segundo, unha intensa diplomacia institucional e empresarial, “que se concreta en alianzas como a que desembocou no contrato para a construción dos dous floteis en estaleiros galegos”.

A ese crecemento das empresas galegas na súa saída ao exterior, clave para as perspectivas de crecemento da economía da comunidade en 2014, se suma o incremento do investimento estranxeiro en Galicia. Conde destacou que os apoios do Goberno galego son os que teñen permitido multiplicar por 8 o Investimento Estranxeiro Directo dende 2008, un 18% só no ano 2013.

Conde resaltou que a Xunta continuará a consolidar esa tendencia no futuro, para repetir casos como os de Pemex, Citic Censa, Bosch, Alcoa, Vestas, Stomp Estampación, MobGen ou PSA Citroën. “Buscamos capital con vocación de permanencia, paciente, que invista en Galicia no longo prazo polas garantías que lles ofrecen os nosos recursos humanos, naturais, públicos, económicos e infraestruturais”, asegurou.

Plan de Internacionalización

A partir da boa marcha das exportacións e a captación de investimentos e os bos números das exportacións, e sobre a experiencia das actuais políticas de apoio, Conde avanzou as liñas mestras do próximo Plan Estratéxico da Internacionalización da Economía Galega, que apoiará tanto a saída das compañías cara ao exterior como a entrada de novas empresas en Galicia.

“Un plan cun obxectivo claro, medible e avaliable: incrementar as nosas exportacións ata o punto de que supoñan o 40% do PIB da Comunidade Autónoma fronte ó 33% actual, un plan que pretende facer de Galicia unha economía netamente exportadora” en 2020, dixo Conde. Como punto común de todo o plan, o Igape se converterá na xanela única na que o tecido empresarial atope toda a información e o apoio necesarios.

Mercados clave de futuro

Ademais, o plan se apoia en varios eixos principais: en primeiro lugar, a priorización de mercados e sectores, apostando polas zonas con maior crecemento, modernización, seguridade e nichos de entrada aos seus mercados, que teñan ademais poucas barreiras comerciais. “Baixo estes criterios, nestes momentos a Xunta de Galicia debe centrar os seus esforzos en países como: México, Brasil, Colombia ou Perú. En definitiva, Iberoamérica é o mercado natural para a expansión internacional de Galicia e unha ponte entre Europa e resto do continente americano”. Ademais, indicou o conselleiro, se apostará por outros destinos fundamentais, como China, EE.UU., Reino Unido ou Marrocos.

De xeito paralelo á priorización de mercados, dixo Conde, se fará especial fincapé no fortalecemento dunha rede de promoción no exterior, reorientando a rede Pexga e intensificando o Plan Foexga, ademais de redoblar o apoio das asociacións de empresarios galegos no exterior como punto de conexión cos mercados, das asociacións de empresarios, dos portos galegos, e da Zona Franca de Vigo, “coa que proximamente asinaremos un acordo de colaboración”.

Como terceiro eixo do plan, o financiamento é un elemento clave. “Ademais de continuar con liñas de financiamento, créditos e préstamos participativos existentes, desenvolveremos novas ferramentas. Para iso, estamos traballando da man de organismos nacionais e internacionais como CESCE, COFIDES, ICO ou CAF na articulación de instrumentos útiles para as empresas galegas”, resaltou Conde.

Por último, destacou o titular de Economía e Industria, o plan inclúe medidas de atracción de investimento exterior. Unha atracción que se verá potenciada polo incremento de competitividade que Galicia logrará a través dos esforzos en innovación guiados pola estratexia de especialización intelixente RIS3, pola posta en valor da marca Galicia Calidade e por medidas concretas como o reforzo da imaxe de Galicia como plataforma loxística do sur de Europa.

“Estas medidas serán incluídas no Plan de Atracción de Investimento Estranxeiro da Xunta que, cun investimento de 30 M€, mobilizará 150 millóns de investimento no noso país”, resaltou o conselleiro.

“Fomentar a internacionalización supón mellorar a competitividade do noso tecido empresarial, e sendo competitivos podemos saír fóra, podemos robustecer a nosa economía e, sobre todo, podemos crear emprego”, defendeu Francisco Conde.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-04-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (raios.jpg) A Rede de detección de raios de MeteoGalicia contabilizou no que vai de ano un total de 12.825 raios, o que supón o 80% de todos os rexistrados durante o pasado 2025. O 42% dos raios rexistrados este ano -5.371- caeron a pasada fin de semana. En concreto, entre o venres 22 e o luns 25 de maio e, ademais, ese venres e o domingo 24 foron as xornadas con máis raios de todo o ano. O que aconteceu a semana pasada é que se deron as circunstancias perfectas para que se produciran esas treboadas: aire moi cálido en superficie procedente do norte de Ãfrica -como quedou demostrado pola presenza de partículas de polvo sahariano en suspensión- e frío en altura nas capas medidas e altas da atmosfera.
Foto de la tercera plana (lobo-galicia.jpg) Galicia, once comunidades autónomas -Andalucía, Cantabria, A Rioxa, Rexión de Murcia, a Comunidade Valenciana, Aragón, Canarias, Estremadura, Illas Baleares, Madrid e Castela e León- e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla veñen de enviar unha carta á comisaria europea de Medio Ambiente, Resiliencia Hídrica e Economía Circular Competitiva, Jessika Roswall, na que defenden o rigor técnico da súa xestión do lobo e denuncian a actitude arbitraria do Goberno central nesta materia, que pretende declarar o estado de conservación desta especie como desfavorable cando os datos científicos indican que é favorable.

Notas

O pleno da Unidade da Muller e da Ciencia da Xunta de Galicia decidiu outorgar o premio María Josefa Wonenburger Planells 2026 á doutora en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, Yolanda Prezado. Este galardón, que lle foi comunicado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, pretende recoñecer o seu labor de investigación no eido da radioterapia e a decisión foi acadada por consenso e unanimidade.
O mercado de Sabarís converteuse nun gran laboratorio científico coa celebración da quinta expo-feira da UVigo 'A ciencia que vén ten nome de muller', iniciativa que reuniu máis de 300 escolares de educación infantil e primaria de centros de Baiona, Gondomar e Nigrán arredor de experimentos, xogos e obradoiros pensados para achegar a ciencia á sociedade desde unha perspectiva participativa e inclusiva.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES