
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao director xeral da Vuelta a España, Javier Guillén, con quen analizou detalles relacionados con esta edición da proba ciclista, que pasará e será punto de partida na provincia de Ourense dunha das etapas decisivas desta proba internacional, en concreto, a penúltima etapa, que sairá de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín), unha etapa de montaña de máis de 160 quilómetros que se disputará o sábado 13 de setembro.
Baltar e Guillén comentaron aspectos do ámbito organizativo e tamén de promoción turística e cultural. En opinión do presidente provincial a presenza da nosa provincia nesta edición da Vuelta servirá para promocionar a Ourense como a provincia termal por excelencia de España. Ámbolos dous quedaron emprazados para unha reunión posterior que terá lugar semanas antes da celebración da proba ciclista para perfilar a participación da Deputación neste importante evento, tendo en conta os intereses de Ourense que, neste caso, son os de carácter termal, turístico e de promoción cultural.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.