Notas de prensa

Moción do Pleno sobre o código ético da Deputación de Ourense

É innegable que vivimos nos últimos tempos unha importante desafección cidadá cara a política e ás institucións, públicas e privadas, administracións e altas maxistraturas do Estado ou entidades representativas da sociedade civil.

A erosión da confianza da cidadanía na actividade política tense manifestado dun xeito evidente, o que obriga a institucións, aos partidos políticos e a representantes públicos a multiplicar esforzos para pór en valor a Política e a súa funcionalidade para unha sociedade democrática nuns momentos particularmente complexos.

A Presidencia da Deputación Provincial de Ourense, consciente da necesidade de facer unha aportación propositiva para a mellora da calidade democrática do noso sistema institucional, impulsa a través da presente moción a elaboración e aprobación dun Código Ético e de Conduta que regule as normas éticas de referencia para os cargos electos e o persoal ao servizo da administración provincial.

O Consello de Europa ten exposto que o contexto de grave e profunda crise económica que se instalou na Unión Europea, deriva no deterioro da calidade democrática das institucións locais e da propia vida política municipal, que implica en moitos casos unha maior desconfianza cidadá e, en concreto, unha atención intensificada fronte a calquera conduta política que non encaixe nas marxes razoables nos que se debe desenvolver a actividade política.

As entidades locais, e os propios representantes institucionais debemos, por tanto, redobrar esforzos por restablecer o valor da política local e recuperar a confianza da cidadanía. Neste contexto de maior esixencia pública, a política local en Ourense require un reforzamento do compromiso efectivo coas veciñas e veciños, un apuntalamento e exteriorización efectiva dos valores públicos, dos estándares de conduta e da actitude moral dos cargos públicos locais. E a esa finalidade atende esta proposta da presidencia do goberno provincial.

A Deputación Provincial de Ourense ten realizado importantes cambios nas súas prácticas de goberno e relación coa cidadanía. Esta institución actualizou as canles do acceso á información por parte dos cidadáns, e hoxe en día dispoñemos dun Portal de Transparencia que abriu un novo tempo na relación desta institución coa cidadanía, como da testemuña o feito de que a finais de 2013 Transparencia Internacional situara a esta Deputación entre as tres primeiras de España en canto a transparencia e acceso á información. A aplicación para dispositivos móbiles permitiu constituír un rexistro de incidencias provinciais que fai que calquera cidadán dende o seu teléfono contacte coa institución para demandar calquera cuestión relacionada coas administracións públicas. Estamos na era da administración 3.0 onde a intelixencia tecnolóxica ten un valor engadido no proceso irreversible de compartir toda a información que posúamos coa cidadanía.

Nesta liña considérase imprescindible seguir apostando pola mellora da calidade democrática das institucións, e así entendemos que sería bo dotar á Deputación Provincial de Ourense dun código de bo goberno, que implique ao conxunto dos representantes electos, goberno e oposición, pero tamén ao conxunto do persoal ao servizo da administración.

O compromiso ético no exercicio do servizo público, a tolerancia cero coa condutas impropias, a regulación dos agasallos institucionais ou a xestión responsable dos fondos públicos, serían algúns dos asuntos a abordar neste Código, a semellanza dos contidos que conforman disposicións similares que constitúen textos de referencia no dereito comparado. Incorporaríanse, así, determinadas obrigas, principios e responsabilidades que afectan á totalidade de quen forman parte desta institución.

En ningún caso é obxectivo desta iniciativa política o feito de aprobar ou subscribir ese código cunha finalidade de utilizalo como ferramenta de control político ou de descualificación recíproca, senón coa pretensión de interiorizar o seu contido e mellorar a imaxe institucional da entidade local, coa mirada posta en reforzar a confianza da cidadanía nas súas institucións.

En virtude do exposto,

esta Presidencia formula ao Pleno, con carácter aberto, favorecendo deste xeito a participación de tódolos grupos políticos, co obxecto de dotar á institución dunha norma avanzada en materia de bo goberno, a seguinte

MOCIÓN

O Pleno da Deputación de Ourense adopta o seguinte acordo:

1.-Elaborar no seo da Comisión Informativa de Patrimonio, Goberno e Réxime Interior unha proposta de Código Ético e de Conduta dos cargos electos e do persoal ao servizo da administración provincial.

2.- Presentar, no prazo de dous meses, ao pleno da Corporación Provincial dita proposta para o seu debate e, no seu caso, aprobación.

Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense, 2014-02-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES