Notas de prensa

O Sistema Universitario Galego disporá de 373,9 millóns de euros en 2014

Presentáronse no Consello Galego de Universidades os orzamentos para 2014 que a Xunta cifra en 373,9 millóns de euros. Na xuntanza deuse conta, tamén, do envío a verificación de 42 cambios e novas titulacións, e das 2.354 bolsas concedidas a estudiantes universitarios.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, informou no pleno do Consello Galego de Universidades (CGU), celebrado na Cidade da Cultura, de que os orzamentos da Xunta de Galicia para as universidades no presente ano, sitúanse en 373,9 millóns de euros.

“As partidas orzamentarias vinculadas ao Plan de Financiamento do SUG suman un total de 373,9 millóns de euros para o exercicio 2014 o que supón un incremento nominal de 3,4 millóns respecto dos orzamentos iniciais do ano 2013”, destacou Vázquez Abad, que engadiu que “do total de fondos, 365,3 intégranse nos orzamentos da Secretaría Xeral de Universidades, mentres o SERGAS e a Secretaría Xeral do Deporte xestionan 8,6 millóns de euros vinculados ao plan”.

Así incidiu en que “novamente os orzamentos da comunidade autónoma mostran o apoio decidido ao ensino universitario, que crece para este exercicio nun 0,9% fronte ao descenso do 1,1% do gasto non financeiro da administración autonómica”.

Incremento orzamentario

Respecto do aumento rexistrado nominativamente Xesús Vázquez sinalou “o incremento de tres millóns na partida vinculada á subvención fixa do financiamento estrutural é consecuencia da regularización que deriva do incremento dos ingresos propios das universidades, procedentes dos ingresos extraordinarios obtidos pola variación das segundas e sucesivas matrículas no curso 2013-14", e incidiu en que "o noso obxectivo é garantir un sistema educativo público, de calidade, sustentable, innovador e útil para a formación e para a empregabilidade”.

Ademais recordou aos asistentes o CGU que se esta a manter ano a ano o Plan de Financiamento do Sistema Universitario 2011-2015, así como o respaldo aos estudantes universitarios a través da partida destinada a bolsas e axudas, que a pesares da grave crise económica mantén a mesma contía do pasado exercicio.

“Quero destacar que seguiremos apostando por repercutir o menor incremento posible nas taxas de matrícula, como fixemos ata o de agora, manténdose o SUG nos niveis máis baixos do Estado", dixo Vázquez Abad que engadiu que "no 2013 a Consellería realizou convocatorias de bolsas e axudas que tiveron como beneficiarios a un total de 2.354 estudantes universitarios a través de complementar as bolsas do alumnos do programa Erasmus, axudar aos custes de realización de estudos dunha segunda lingua, premiar aos alumnos que remataron os seus estudos universitarios cos mellores expedientes académicos, apoiar aos estudantes universitarios que participan en programas de mobilidade con países extracomunitarios e axudar economicamente aos alumnos que por causas sobrevidas ou imprevistas teñan necesidades económicas para continuar os seus estudos. Continuouse tamén coa liña de axudas de reforzo das bolsas de matrícula e iniciouse unha nova liña de axudas consistente no pagamento da matrícula a titulados universitarios que se atopen en situación de desemprego”.

Titulacións das universidades

Ademais informou aos presentes no CGU das solicitudes presentadas polas universidades para envío a verificación; así das 59 presentadas, 42 delas poderán ser enviadas á Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG) para ser avaliados por axentes externos. En total 17 graos; 21 máster universitarios; e 9 programas de doutoramento pasaron o informe previo favorable, emitido pola Secretaria Xeral de Universidades xa que cumpren cos requisitos establecidos no decreto de titulacións e nas instrucións emitidas ao respecto.

Por outra banda os membros do consello informaron a autorización da adscrición do Centro de Estudos Universitarios Superiores (CESUGA) á Universidade San Jorge da Comunidade de Aragón, así como a autorización para o inicio de actividades, unha vez presentados os documentos precisos.

Asistentes ao CGU

Nesta reunión do CGU deuse a benvida a José María Arias como novo presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, en substitución de Manuel Puga Pereira. No pleno participaron, ademais do conselleiro, Xesús Vázquez Abad, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e os reitores da USC, a UDC e a UVigo, Juan Casares Long, Xosé Luis Armesto e Salustiano Mato, respectivamente, así como o director da ACSUG, Eduardo López Pereira.

Tamén asistiron o director a Axencia de Innovación, Manuel Varela Rey; a subdirectora xeral de Universidades da Consellería, Beatriz Soutelo; e a xefa do servizo de Coordinación do Sistema Universitario da Consellería de Cultura e Educación, Lourdes Rodilla. Así como os representantes da Comisión 4ª do Parlamento de Galicia: Senén Barro Ameneiro, Encarnación González Vázquez, e José Carlos de Miguel Domínguez. Por parte das universidades estiveronos xerentes, Juan Manuel Díaz Villoslada, da UDC; María Lourdes Batán Aira, da USC e Manuel Fernández Jáuregui da UVIGO.

Asemade estivo a xerente do SERGAS, María Nieves Domínguez González; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López, e o presidente do Consello Social da Uvigo, Ernesto Pedrosa Silva.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-02-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (cambio-hora.jpg) En 2025, Lara Weed e Jamie M. Zeitzer, da Universidade de Stanford, publicaron un artigo no que se relacionaba a práctica do cambio estacional de hora con aspectos negativos para a saúse, tanto de sintomatoloxía aguda (infartos ou accidentes cerebrovasculares), como crónica (obesidade). Agora, os profesores José María Martín Olalla, da Universidade de Sevilla, e Jorge Mira Pérez, da Universidade de Santiago de Compostela, tras analizar a metodoloxía aplicada neste estudo, constataron que 'o que o mundo leu como unha evidencia científica contra o cambio de hora resultou ser unha ilusión matemática'.
Foto de la tercera plana (oposicions.jpg) Un total de 15.733 persoas concorrerán ás oposicións de Educación deste ano 2026 segundo a listaxe provisional de admitidos publicado no Portal Educativo. Cómpre lembrar que, froito do acordo entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e os sindicatos CC.OO., ANPE, UGT-SP Ensino e CSIF, como novidade nesta ocasión os interinos non teñen a obriga de presentarse ao exame, co obxectivo de axilizar o proceso. Isto provoca un descenso de case o 23% nas probas respecto á convocatoria do ano pasado. En concreto, 4.689 aspirantes menos. A Xunta de Galicia convoca para este proceso un total de 1.601 prazas, o que supón esgotar o 120% da taxa de reposición marcado polo Estado.

Notas

Do 29 de abril ao 3 de maio, a localidade de Tui acollerá a 22ª edición do Play-Doc Festival Internacional de Cine, que presenta a súa Competición Internacional, unha selección de obras recentes do cinema contemporáneo internacional con películas procedentes de distintos contextos e xeografías. A sección reúne títulos de diversas procedencias, con obras de Europa, América, Ãfrica e Asia, en formatos que van da curtametraxe á longametraxe.
El próximo 1 de mayo, la localidad salmantina de Escurial de la Sierra acogerá la Primera edición del Festival Miña Ruliña, una iniciativa cultural promovida por el Centro Gallego de Salamanca que nace con el objetivo de acercar la música tradicional a toda la ciudadanía, promoviendo el conocimiento, la participación y el disfrute de un patrimonio que forma parte esencial de nuestras raíces.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES