
O novo Consello de Administración do CB Breogán, encabezado polo seu presidente, Antonio Veiga, tamén vicepresidente da Deputación de Lugo, visitou o Pazo Provincial dos Deportes para reunirse cos xogadores, corpo técnico e empregados do club, coa intención de informalos sobre a máxima normalidade coa que está transcorrendo todo este proceso e trasladarlles unha mensaxe de tranquilidade sobre a viabilidade e futuro do club.
Durante o encontro, Antonio Veiga presentou aos catro novos membros que forman parte do Consello de Administración: José Mourelle Cillero, secretario xeral da Deputación de Lugo, Rosa Abelleira, interventora da Deputación de Lugo; e Alfonso Orol e Alberto Fernández Fraga, dúas persoas moi vinculadas ao mundo do deporte lucense.
Respecto aos retos que teñen fixados desde o Consello de Administración, Alberto Fernández Fraga, ao que se lle delegan as funcións no ámbito deportivo do Breogán, explicou que o labor que vamos desempeñar resúmese en tres palabras: compromiso, implicación e diálogo. Compromiso tanto co proxecto deportivo como co club e todos os traballadores que o conforman; implicación ata o punto de que este sábado viaxaremos cos xogadores do Breogán ata A Coruña para disputar o partido de liga; e diálogo porque a partir da próxima semana iniciaremos unha rolda de contactos con todos os estamentos do Breogán e persoas interesadas para mellorar o que que se poida mellorar e manter o que estea ben.
Desde o Consello de Administración afrontan esta nova etapa do proxecto do CB Breogán SAD con todas as garantías tanto a nivel deportivo como a nivel financeiro, legal e de transparencia.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.