
A visita enmárcase dentro do Máster de asesoramento de imaxe e consultoría política que organizan a Consultora Carpe Diem e a Universidade Camilo José Cela de Madrid, dentro do Seminario internacional de comunicación política. O obxectivo desta acción formativa é expoñer por parte de consultores políticos as diferentes ferramentas de comunicación e compartir casos de éxito de xestión en diferentes instancias de goberno para que, ao seu regreso a México, poidan transformar estes coñecementos en estratexias de xestión na administración pública e na comunicación política.
Rosendo Fernández explicoulles aos deputados mexicanos o funcionamento administrativo e político da Deputación de Ourense, destacando o feito de que o ente provincial é un referente nacional en transparencia, o que fala ben ás claras da xestión eficaz e eficiente que os diferentes departamentos da institución realizan a prol dos concellos da provincia e dos cidadáns. Fernández subliñou que nunha provincia como a de Ourense, con 92 concellos, dos cales 91 deles contan con menos de 20.000 habitantes, a existencia dun goberno local intermedio é imprescindible para a prestación de moitos servizos. Entre eles citou a cooperación que presta a Deputación de Ourense aos municipios no ámbito do medio ambiente, o saneamento, o ámbito xurídico, de tributos, de benestar e de infraestruturas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.