Notas de prensa

Galicia preside a Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa (CALRE)

Na toma de posesión da Presidencia da CALRE, o presidente da Xunta di que a Cámara galega reflicte a vida dunha Comunidade “que se reafirma no diálogo, que quere manterse unida consigo mesma, unida coas restantes Comunidades de España e as rexións e nacións de Europa”.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a Cámara galega reflicte a vida dunha Comunidade con raíces antigas no tempo, “unha Comunidade que se reafirma no diálogo, que quere manterse unida consigo mesma, unida coas restantes Comunidades de España e as demais rexións e nacións de Europa”. “Galicia sabe de onde vén, onde está e cara onde vai”, asegurou.

O mandatario autonómico, que presidiu a toma de posesión da responsable da Cámara galega, Pilar Rojo, como presidenta da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa (CALRE), sinalou o Parlamento como a institución que alberga a conexión en harmonía entre o individuo e a comunidade que sustenta a idea de Europa como espazo de liberdade e convivencia pacífica.

Destacou que foi nos parlamentos onde “conceptos que semellaban abstractos, como Pobo ou Sociedade, tomen voz, falen con forza, se expresen”. “A partir do nacemento deses parlamentos, ninguén poderá usurpar en van a representación popular sen ser chamado ditador ou tirano”, manifestou.

Nesta liña, lembrou que “os Parlamentos reflicten unha complexidade social e exixen un ánimo conciliador que algúns non poden entender ou non poden soportar”, e sinalou que, como xa aconteceu no pasado, tamén no presente “o menosprezo cara ao Parlamento delata actitudes totalitarias”.

O titular da Xunta considerou que o parlamentarismo europeo constitúe o triunfo da idea de liberdade, e sinalou que en todas as cámaras que compoñen a Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa son comúns os debates, as interpelacións, as preguntas, as votacións e os momentos de tensión. Nesa liña, salientou que esa comuñón ten en boa medida en Galicia o seu punto de partida porque “Compostela foi destino de moitos peregrinos que iniciaron o Camiño sendo do seu lugar de orixe para regresar sendo, ademais, máis europeos”.

“O Camiño de Santiago crea unha identidade que se superpón ás identidades previas, sen suprimilas. Anticipa o que é natural hoxe en día, cando cada europeo é da súa rexión, pertence ao seu país e se sinte partícipe de Europa”, afirmou Feijóo.

Para o responsable do Executivo autonómico “o ser humano é complexo porque é libre, e o mesmo acontece cos pobos”, polo que sinalou que intentar coartar a súa diversidade e impoñer identidades únicas “é unha pretensión contraria á idea de Europa que forxamos”. E engadiu que “os nosos pobos son máis libres porque non están sós, porque comparten e son capaces de crear unha casa común que chamamos Parlamento”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-01-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES