A axencia de cualificación Standard&Poor´s vén de mellorar o rating de Galicia, de forma que a perspectiva da Comunidade pasa de Negativa a Estable. É a primeira vez dende que se iniciou a crise que Galicia mellora o seu rating, aínda que a axencia precisa que a Autonomía debería ter unha cualificación superior, algo que non é posible porque Standard&Poor´s non permite que unha comunidade de réxime común, excluídas as forais, teña un rating superior ao do Estado soberano.
Así, Standard&Poor´s indica que de acordo cos seus criterios, o nivel de crédito indicativo (ICL) para a Comunidade Autónoma de Galicia segue sendo superior á súa cualificación, que se ve limitada polo rating do Estado. A ICL non é unha cualificación de crédito, senón que reflicte o nivel de solvencia que esta axencia de cualificación outorga a Galicia, sen ter en conta o límite de cualificación do Estado soberano ao que pertence.
A axencia de cualificación destaca entre outras consideracións a xestión financeira e a posición de liquidez que rexistra a Comunidade Autónoma de Galicia, así como o baixo nivel de pasivos continxentes. Ademais, tamén sinala o mellor comportamento na redución do déficit público. De feito, Galicia é a segunda autonomía que máis reduciu o seu déficit entre 2009 e 2012, e pechou o pasado exercicio cumprindo o obxectivo de estabilidade, cun déficit do 1,29%, máis de medio punto inferior á media das comunidades autónomas (-1,84%).
Standard&Poor´s ten igualmente en conta a confianza en que os indicadores orzamentarios de Galicia continuarán a mellorar, toda vez que a estimación de crecemento do PIB galego é do 0,8% para 2014 e do 1,2% no 2015. A previsión da Xunta é que 2014 será o primeiro ano dende que comezou a crise en que Galicia compatibilizará taxas positivas de crecemento e unha redución da taxa de desemprego.
Grazas á política levada a cabo pola Xunta dende 2009, Galicia é hoxe unha comunidade solvente e que garante os servizos públicos. Asemade, mantén o seu endebedamento por debaixo da media e continúa a ser unha autonomía fiable para os mercados, pois está financiándose sen dificultades e non necesitou acudir aos programas habilitados polo Estado para as comunidades con problemas de liquidez.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.