O peche de Televigo dá continuidade a outras medidas similares adoptadas
por empresas televisivas que traballaban no eido do local. Afecta, polo
tanto, á información máis próxima ao cidadán, que está a ser unha das máis
prexudicadas pola crise económica.
A Xunta de Goberno do CPXG solidarízase cos traballadores afectados polo
peche de Televigo, nomeadamente ao coñecer que non teñen información sobre o seu futuro por parte da empresa, e ponse á súa disposición.
O Colexio de Xornalistas chama a atención sobre o proceso que está a vivir
o sistema informativo galego, que deriva nunha redución da pluralidade,
polo peche de medios, e tamén nunha menor independencia dos que quedan, porque as empresas que resisten son máis vulnerables ás presións de administracións e de empresas dada a súa maior febleza económica.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.