Notas de prensa

Feijóo prepara a súa viaxe a Cuba para decembro

Reforzar o apoio de Galicia aos 38.000 galegos que residen na illa de Cuba é o principal obxectivo da viaxe que prepara o presidente da Xunta de Galicia para principios de decembro, cando visitará á colectividade galega para coñecer as súas demandas e analizará oportunidades económicas.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, viaxará a Cuba a principios do mes de decembro co obxectivo de reforzar o apoio aos 38.000 galegos que residen na illa.

O titular da Xunta, que mantivo un encontro co embaixador de Cuba en España, Eugenio Martínez Enríquez, visitará á colectividade galega que reside no país caribeño co obxectivo de coñecer de primeira man a súa situación e as súas demandas, de forma que a Xunta poida dar continuidade á permanente defensa dos intereses sociais e asistenciais dos galegos no país.

Así mesmo, outro dos obxectivos será fomentar a unión entre as entidades galegas radicadas na illa, un proceso que xa ten materializado a colectividade galega afincada en Cataluña e que, tamén, prevén levar a cabo neste ano 2013 centros de emigrantes en Alemaña, Venezuela ou Arxentina.

A segunda liña na que se centrará a viaxe de Feijóo será a de fortalecer as relacións de Galicia con Cuba, e con este fin o presidente do Goberno galego manterá encontros institucionais e comerciais.

O titular da Xunta avaliará durante a súa estancia as oportunidades económicas de Galicia con este país, inmerso nun proceso de reformas que ofrece oportunidades de exportación e posibilidades de investimento en sectores estratéxicos como a agricultura, a gandería, a pesca, as enerxías renovables, a construción pública ou a automoción.

Ao longo da reunión, Feijóo puido analizar co embaixador diversos aspectos da axenda da viaxe, que se pechará en coordinación co Goberno central para que sexa acorde cos obxectivos de política exterior do Executivo estatal.

Esta visita a Cuba será a primeira que realizará Feijóo desde que foi elixido Presidente da Xunta en 2009, dando continuidade á estratexia de acción exterior de Galicia en Cuba, que iniciou en 1991 o ex-presidente da Xunta Manuel Fraga, o primeiro mandatario galego en realizar unha visita a ese país.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-11-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES