Notas de prensa

O cine e as finanzas, no programa Galicia Profilme

Profesionais do audiovisual participan nas xornadas sobre cine e finanzas coas que abren o programa formativo Galicia Profilme co que se busca dar resposta ás demandas de formación específica por parte do propio sector.

Profesionais galegos do sector audiovisual asisten na Cidade da Cultura ao primeiro encontro do programa Galicia ProFilme, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) como plataforma de formación continua e específica aberta a todos os que desenvolven a súa actividade profesional neste ámbito.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, foi o encargado de inaugurar estas xornadas que, baixo o título Cinema, creación e finanzas, desenvólvense entre hoxe e maña coa participación como relatores de Pilar de Benito, directora xeral de Morena Films; Marisa Castelo, directora de Legalarte, despacho xurídico especializado en propiedade intelectual e lexislación cultural; e Pedro Martín, director de proxectos e desenvolvemento de Audiovisual SGR (Sociedad de Garantía Recíproca).

Terceiro posto a nivel estatal

Na súa intervención, Sutil explicou que Galicia ProFilme nace cun “eminente sentido práctico” en resposta ás demandas de formación específica por parte do propio sector. Incidiu, así mesmo, no papel da formación especializada como “factor básico no camiño do crecemento e a consolidación da industria audiovisual galega, que neste momento ocupa o terceiro posto canto a número de empresas e producións no panorama audiovisual do conxunto do Estado”.

O director da Agadic avanzou tamén os contidos dos dous encontros que este programa ofrecerá nos meses de novembro e decembro, converténdose deste xeito nun punto de encontro permanente a través do que, segundo sinalou, “o sector terá a oportunidade de participar en accións de carácter formativo que, dun xeito práctico e eficaz, chegarán da man de recoñecidos profesionais a nivel nacional e internacional”.

Para a primeira sesión, O negocio do cinema: a arte do financiamento e as desgravacións fiscais no mundo, contouse con Pilar de Benito e Marisa Castelo para afondar na importancia e nas principais vías para a consecución de financiamento previo para a realización de proxectos audiovisuais.

Neste sentido, a directora de Morena Films incidiu en aspectos como o control de xestión e o control de risco, así como na figura das Agrupacións de Interese Económico (AIE) como fórmula para abordar a produción dun filme. Marisa Castelo, pola súa banda, abordou aspectos legais arredor destas mesmas cuestións.

Colaboración co Clúster Audiovisual Galego

Xa pola tarde foi a quenda de Pedro Martín, quen participa neste encontro grazas á colaboración do Clúster Audiovisual Galego. Martín explicou o funcionamento da entidade pública Audiovisual SGR, ademais de analizar o convenio entre o ICO (Instituto de Crédito Oficial) e o ICAA (Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales). No último tramo da súa intervención, analizou a explotación das obras audiovisuais e a súa contabilización a través de casos prácticos.

Esta primeira convocatoria conclúe o venres 18 de outubro cunha nova intervención de Marisa Castelo, quen expón un manual práctico de contratación e fiscalidade dirixido especialmente a autores e artistas.

Media Desk en novembro

Galicia ProFilme continuará o venres 15 de novembro cunha sesión informativa arredor do programa europeo Media e as súas axudas para produtores independentes. Jacobo Sutil e o director da Oficina Media Desk España, Jesús Hernández, inaugurarán este segundo encontro, durante o que o equipo de Media Desk debullará as liñas claves nas solicitudes destas convocatorias e se contará, ademais, coa experiencia de diferentes produtoras independentes: Fernanda del Nido, de Tic Tac Producciones; María Zamora, de Avalon; Cristóbal García, de Morena Films; e Rubén Zarauza, de Vodka Capital.

Nesta mesma xornada, Hernández avanzará as claves do futuro de Media no marco do programa Europa Creativa 2014-2020, mentres que a coordinadora do Fondo de Garantía á Produción MEDIA de Audiovisual SGR explicará o funcionamento deste garante de préstamos que SGR xestiona xunto coa Comisión Europea.

No mes de decembro terá lugar a terceira convocatoria de Galicia ProFilme, Preprodución e mercado internacional, no que se ofrecerán tamén diferentes estratexias para a promoción e distribución de produtos no exterior. Esta última sesión do ano desenvolverase o xoves 12 coa participación de José María Riba, membro do comité de selección da Quincena de Realizadores do Festival de Cannes; Manuel Monzón, da distribuidora Acontracorriente Films; e David Castellanos, da axencia de vendas internacional Cinema Republic.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-10-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES