O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, tras o Consello da Xunta, a creación dun observatorio do mercado da terra na comunidade, que será pioneiro es España, e que nace co obxectivo de avaliar o mercado da terra en Galicia.
Feijóo lembrou que a Xunta ten controlado ao máximo os valores de referencia para o arrendamento ou a concesión das parcelas do Banco de Terras; que ten impulsado a Lei de mobilidade de terras, que ten por obxectivo aproveitar todo o potencial do Banco de Terras e mellorar a competitividade do agro galego; e hoxe, engadiu, imos adoptar un novo instrumento para facer unha avaliación continua do movemento das terras en Galicia.
Para iso, argumentou, conveniamos coa Fundación Juana de Vega e coa Universidade de Santiago de Compostela, xunto coa Consellería do Medio Rural, para levar a cabo o proxecto Propiedade, mobilidade da terra e valorización territorial. O obxectivo final deste proxecto é crear un observatorio que identifique, punto por punto, os problemas para alugar as terras que están nese Banco e as posibles solucións, que permitan redimensionar as explotacións a través do aumento da súa base territorial.
Este instrumento vai facilitar a seguridade que ofrece o Banco de Terras aos propietarios para que os propietarios poñan á disposición do banco, sen perder a propiedade, toda esa capacidade produtiva instalada no medio rural galego, indicou.
O proxecto, que se levará a cabo durante os anos 2013-2014, consiste na mellora do Sistema de Terras de Galicia (SITEGAL) para facilitar o seguimento do comportamento de variables en canto á mobilidade de terras. Deste xeito, integrarase toda esa información e funcionalidades na plataforma SITEGAL, como unha infraestrutura tecnolóxica de referencia. É dicir, transparentar e dar información de como se move o Banco de Terras e de todas as capacidades, concello por concello, de poder alugar terras neste Banco, cos prezos taxados e mantendo a propiedade dos seus titulares.
Polo tanto, poñemos en marcha por primeira vez un observatorio das variables que interveñen no mercado de terras e imos tratar de dar coas debilidades do Banco e coas súas fortalezas e seguir tomando decisións que se encamiñen a mellorar o contorno económico, social e, sobre todo, legal para vencer as dificultades que sigue tendo esta iniciativa, concluíu o presidente da Xunta.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.