Notas de prensa

A Xunta promove una Lei do Solo para reducir á metade a tramitación dos PXOM

O titular da Xunta avanza que o novo texto potencia o solo rústico como factor de desenvolvemento para proxectos económicos, sempre que eses proxectos estean vinculados ao sector agroalimentario e ao desenvolvemento rural.

Logo de desbloquear na pasada lexislatura as Directrices de Ordenación do Territorio e aprobar o primeiro Plan do Litoral de Galicia, o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a proposta que se remitirá ao Parlamento para pechar a ordenación do territorio cunha Lei do Solo que reduza á metade a tramitación dos PXOM e potencie o solo rústico como factor de desenvolvemento rural.

En primeiro lugar, Feijóo aseverou que esta normativa ten como un dos obxectivos fundamentais que todos os concellos en Galicia, ao final da lexislatura, teñan un plan xeral de ordenación urbana en vigor ou unha norma básica de ordenación urbana aprobada que lles facilite manter a mobilidade do seu territorio.

Para acadar este fin, con carácter xeral simplificarase a tramitación dos planes urbanísticos dos concellos, de xeito que a media de aprobación dun PXOM se reducirá á metade (de 6 a 3 anos de media); e créase a figura do Planeamento básico que pode afectar ao 64% dos concellos galegos, a 202 concellos, que teñen unha poboación inferior a 5.000 habitantes.

No tocante a este último aspecto, Feijóo precisou que “a estes concellos se lles ofrece que a Xunta elabore persoalmente ese planeamento básico co que poderán seguir transitando na ordenación do seu territorio facilitando as licencias, facilitando as industrias e facilitando o desenvolvemento territorial harmónico con principios e con transparencia do seu ámbito de afectación”.

Deste xeito, en lugar de seguir pasando os anos sen planificación, o Goberno galego propón que os servizos da Xunta asuman directamente a posibilidade de facer o planeamento básico de máis de 200 concellos en Galicia, xa que destes 202 concellos hai 110 que non teñen ningún tipo de plan xeral de ordenación urbana.

“O planeamento básico é, en consecuencia, unha oferta da Xunta ao concellos de menos de 5.000 habitantes. E asuminos a responsabilidade que iso supón, non só desde o punto de vista de medios técnicos e de medios económicos senón tamén desde o punto de vista da responsabilidade política que supón que a Xunta ordene co visto e prace dos concellos o planeamento básico do seu ámbito municipal”, incidiu o responsable autonómico.

O segundo obxectivo deste novo texto é ordenar e revitalizar o rural; “e, ordenar o rural significa fundamentalmente evitar a dispersión pero tamén buscar ámbitos que xeren riqueza e atractivos para vivir e para traballar no rural”. “Debemos evitar a idea de que cada quen pode construír onde queira e reforzar a expansión natural dos concellos nos núcleos rurais. Pero somos plenamente conscientes de que se pode utilizar o rural para instalar determinadas industrias agroalimentarias ou industrias do turismo no ámbito rural e cunha serie de principios e normas podamos poñer en valor o solo rústico en Galicia”.

Para iso, o documento potencia o solo rústico como factor de desenvolvemento para proxectos económicos, sempre que eses proxectos estean vinculados ao sector agroalimentario e ao desenvolvemento rural, e sempre con criterios que garantan a protección ambiental.

Por último, Feijóo afirmou que esta Lei foi deseñada cunha dobre vocación: con vocación de permanencia, xa que persigue ter un ordenamento xurídico en materia de solo en Galicia estable; e con vocación de consenso, “e imos seguir falando cos colectivos implicados, coa Fegamp e falaremos no Parlamento co grupos parlamentarios”.

“Máis plans, con menos documentos e máis accesibles”, con estas palabras resumiu, pola súa banda, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, o obxectivo deste texto.

“En definitiva: axilizamos a tramitación dos plans, redúcense os prazos e simplifícanse os trámites para que non haxa ningún concello sen plan a final desta lexislatura; poñemos en valor o solo rústico e potenciamos o medio rural respectando as súas características, xa que na nosa opinión o peor escenario é ter un solo rústico improdutivo e abandonado; e, por último, facemos unha aposta moi importante e decidida pola protección da paisaxe e pola loita contra o feísmo”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-10-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES