O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou por redobrar esforzos, exixir compromisos e manter o mesmo nivel de traballo conxunto para que a industria conxeladora dos produtos do mar siga contando cunha sólida base na nosa comunidade. Así o manifestou na inauguración da XV edición da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados-Conxemar, que concede a Galicia, dixo, un lugar destacado na axenda comercial do sector pesqueiro mundial.
O mandatario galego considerou que os 15 anos de percorrido desta feira de negocios son o mellor aval para constatar a hexemonía deste certame no noso país. Conxemar, -subliñou-, é hoxe sinónimo dunha industria puxante e competitiva; unha industria da que Galicia aspira a seguir sendo expoñente no mercado internacional e que, a pesar das actuais circunstancias, quere seguir avistando futuro deste aquí, desde as nosas costas, apostilou.
Feijóo precisou que a industria do conxelado en Galicia sostén cifras moi consistentes que dan mostra do seu peso en todo o sector pesqueiro galego. Así, apuntou que son 113 empresas as que se dedican na comunidade á actividade conxeladora de produtos do mar, que dan emprego a 8.000 persoas e facturan anualmente máis de 2.000 millóns de euros.
Do mesmo xeito, sinalou que, actualmente, máis do 37 por cento das exportacións españolas de peixe conxelado saen dos portos galegos: 185.000 toneladas. No tocante á actividade portuaria, indicou que o pasado ano o tráfico desta pesca nos principais portos españois medrou nun 29 por cento; sendo o porto de Marín e o de Vigo os que máis incremento experimentaron no conxunto do sistema portuario galego.
Na súa intervención, tamén se referiu ao nivel de vendas para o consumo doméstico de produtos do mar conxelados que, segundo dixo, en 2012 se mantivo practicamente inalterable con respecto ao ano anterior. Nesta liña, concretou que os supermercados e hipermercados españois distribuíron 113.000 toneladas de peixes e mariscos conxelados, cunha facturación próxima aos 730 millóns de euros.
Fronte estes datos, o presidente galego afirmou que a industria pesqueira do conxelado en Galicia sempre contou cos mellores indicadores económicos e que agora o reto é ratificar ese marcador. Feijóo destacou que se trata dun sector estratéxico para a economía galega, cunha aposta da Xunta de máis de 160 millóns de euros para impulsar a innovación e a modernización da industria transformadora e comercializadora dos produtos do mar.
Unha industria que quere gañar porvir e seguir conquistando mercados
O presidente da Xunta recalcou que Conxemar é a constatación de que a industria do conxelado en Galicia quere gañar porvir e quere seguir conquistando mercados. E, nese obxectivo, agregou, esta feira internacional volve presentarse como mostra desa garantía de futuro e como unha oportuna declaración de intencións, asegurou. Ademais, considerou que é un activo canal para establecer ou consolidar relacións comerciais entre empresas deste sector.
Feijóo destacou o labor de Conxemar como asociación, que representa a 222 empresas transformadoras, comercializadoras e distribuidoras de produtos conxelados do mar e da acuicultura en toda España, e que dá emprego, indicou, a máis de 13.000 persoas cunha facturación anual superior aos 6.000 millóns de euros.
O titular do Goberno galego concluíu a súa intervención amosándose convencido do éxito desta nova edición de Conxemar. Segundo resaltou, o pasado ano acadou unha cifra de negocio estimado de 1.000 millóns de euros e foi visitada por preto de 25.000 persoas procedentes de 93 países. Desta vez, dixo, volve revalidar o seu marcado carácter internacional ao contar coa participación de 36 países de todo o mundo -catro máis que o pasado ano-, entre os 480 expositores que estarán presentes nesta feira.
Por último, o presidente da Xunta agradeceu a presenza do ministro Miguel Arias Cañete como responsable de todo o sector primario do Goberno de España; por estar en e con Galicia. E estar con Galicia, sobre todo, en Bruxelas porque iso significa estar con Galicia no mundo.
Logo de visitar os expositores desta feira internacional, Alberto Núñez Feijóo reuniuse coa ministra de Produción de Perú, Gladys Triveño, e co subdirector de Pesca e Acuicultura da FAO, Arni Mathesen.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.