O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse en Oporto co coordinador portugués da Comunidade Traballo Galicia-Norte e novo responsable para a Cooperación Transfronteiriza, Nuno Almeida. O obxectivo deste encontro foi analizar o estado da cooperación transfronteiriza, as novas perspectivas fronte o novo orzamento comunitario que se abre en 2014 e o labor da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte, con sede en Vigo.
Gamallo salientou o acordo de galegos e portugueses para -nestes momentos de dificultade económica- impulsar a Eurorrexión e intensificar e fortalecer o seu posicionamento dentro da Unión Europea. Este encontro serviu para constatar que temos ante nós unha enorme responsabilidade neste momento e que estamos dispostos a asumila; a Eurorrexión non só sigue sendo útil e sigue vixente, senón que quedamos en intensificar as nosas relacións para insistir, persistir e apostar pola Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, explicou.
Neste senso, un dos ámbitos prioritarios nos que traballa a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, e que se analizaron na reunión, é como optimizar o novo escenario financeiro 2014-2020 no que a cooperación transfronteiriza se refire; detectando prioridades de investimento e tendo en conta as nosas especificidades territoriais e sempre co horizonte final de facer un mellor uso dos fondos comunitarios.
A tal efecto, a Eurorrexión conta con instrumentos fundamentais como son as dúas Eurocidades postas en marcha, Verín-Chaves e Tui-Valença. Así mesmo, os dous coordinadores da Comunidade de Traballo destacaron a aposta de I+D da Eurorrexión, tanto no Campus do Mar de Vigo como no Instituto Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.