Notas de prensa

A Deputación de Ourense impulsa a candidatura da Ribeira Sacra para declarala Patrimonio da Humanidade

Manuel Baltar reuniuse con alcaldes e representantes dos concellos ourensáns que integran o xeodestino Ribeira Sacra para iniciar os contactos que leven a formalizar a candidatura

O pleno da Deputación deste mes debaterá unha moción na que se pedirá aos gobernos Autonómico e do Estado que promovan a dita declaración diante da Unesco


Baltar considera que pola súa singularidade espazo xeográfico de Ourense e Lugo merece esta distinción, “que lle dará un importante pulo económico, turístico e empresarial”


Ourense, 9 de setembro de 2013.- A Deputación de Ourense impulsa a candidatura da Ribeira Sacra para que sexa declarada “Patrimonio da Humanidade”. A singularidade e excepcionalidade turística e paisaxística deste espazo xeográfico entre as provincias de Ourense e Lugo son, en opinión do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, “os principais valores que ten este xeodestino que merece ser recoñecido con tan singular distinción”.


Para elo, como primeiro paso, Manuel Baltar convocou hoxe no Pazo Provincial a alcaldes e representantes dos oito concellos da provincia de Ourense que forman parte da Ribeira Sacra: A Peroxa, A Teixeira, Castro Caldelas, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil e Xunqueira de Espadañedo, para retomar unha iniciativa que xa fora proposta na década dos anos 90 do pasado século, “para impulsala e conseguir que este espazo xeográfico teña o pulo internacional que merece pola súa peculiaridade arquitectónica, do patrimonio histórico-artístico, paisaxística, turística e cunha sinalada industria no sector vitivinícola da castaña”.


“Todo serán vantaxes nesta candidatura”, explicou Manuel Baltar na rolda de prensa posterior á xuntanza cos representantes municipais dos concellos da Ribeira Sacra, engadindo que a Deputación de Ourense “ponse a disposición das administracións Autonómica e Central e dos concellos de Ourense e Lugo para que a cooperación e a colaboración entre todos faga posible que academos a formalización da candidatura e que a Unesco lle dea á Ribeira Sacra esa distinción de especial protección, algo que, sen dúbida, servirá de reactivación e dinamización económica para esta contorna e para as provincias de Ourense e Lugo”.

Neste senso, o presidente provincial anunciou que no vindeiro pleno deste mes de setembro a corporación provincial debaterá unha moción que presentará hoxe o Grupo Popular na que se pide que o pleno adopte o acordo de impulsar a candidatura da Ribeira Sacra para a súa declaración como patrimonio da Humanidade, e ao mesmo tempo, pedirlle á Xunta de Galicia que poña en marcha o procedemento correspondente para formalizar dita candidatura.


Tamén instará na moción ao Goberno de España para que, unha vez elaborada a candidatura, promova a dita declaración diante do Comité do Patrimonio da Humanidade da Unesco, e remitirase aos concellos que forman parte do territorio obxecto da declaración e á Deputación Provincial de Lugo o acordo plenario para que se sumen á iniciativa.


A candidatura que impulsa a Deputación de Ourense destaca “as singularidades morfolóxicas, climáticas, paisaxísticas, históricas e económicas que fan da Ribeira Sacra un lugar único”, e engade que a declaración deste territorio como Patrimonio da Humanidade “traerá importantes consecuencias positivas, apreciables tanto dende o punto de vista da conservación dos seus valores xeográficos e históricos como a elevación da calidade de vida da súa poboación, tendo en conta a dinamización e o respaldo socioeconómico que xera esa distinción”.

Retdo., 2013-09-09


Retdo., 2013-09-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES