Notas de prensa

135 pilotos participan no XXXV Rallye San Froilán o 6 e 7 de setembro

A proba, que cumpre 35 anos organizada pola Escudería Miño en colaboración coa Deputación, transcorrerá durante dous días por un trazado de 430 km. ao longo dos concellos de Vilalba, Muras, Outeiro de Rei, Pol e Lugo puntuará no Campionato Galego de Rallyes 2013.

O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, presentou, xunto co delegado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, o XXXV Rallye San Froilán, que se disputará os días 6 e 7 de setembro. A proba, que está organizada pola escudería Miño en colaboración co ente provincial, transcorrerá polos concellos de Vilalba, Muras, Outeiro de Rei, Pol e Lugo e será puntuable para o Campionato Galego de Rallyes 2013. Tamén participaron na presentación Carlos Íñiguez, presidente da escudería Miño; Ramón Carballo, subdelegado do Goberno en Lugo; Iván Corral Pérez, presidente da Federación Galega de Automobilismo; José Manuel Díaz Grandío, en representación do Concello de Lugo, así como os alcaldes das demais localidades polas que circulará o rallye.

O 35º Rallye San Froilán, que conta con 135 equipos inscritos, consta dun percorrido de máis de 430 Km, dos cales máis de 90 Km corresponden a 9 treitos cronometrados por estradas asfaltadas pechadas ó tráfico. A proba comezará o venres 6 cun tramo espectáculo no polígono das Gándaras para o que se agarda unha gran afluencia, mentres que o día 7 se desenvolverán o resto dos tramos.

NotaDurante a súa intervención, Antonio Veiga deu parabéns á escudería Miño-Lugo polos anos que leva traballando na promoción deste Rallye e afirmou que “este evento debe ser apoiado en todo momento polas institucións xa que o automobilismo lucense conta non só con importantes pilotos e unha alto nivel de participación senón tamén con moita afección”.

O vicepresidente da Deputación recordou que “o Rallye San Froilán é unha proba histórica pola que teñen pasado os mellores pilotos da esfera nacional e estatal, que xa se ten consolidado como unha referencia a nivel estatal, algo que repercute de forma positiva a nivel turístico e económico xa que permite achegar a milleiros de persoas a lugares do noso rural que se saen dos circuítos turísticos habituais”.

Pola súa banda, Mario Outeiro explicou que “o Rallye San Froilán son 430 quilómetros de escaparate pola mellor paisaxe da provincia de Lugo, non só para os pilotos participantes senón tamén para os milleiros de afeccionados que cada ano se achegan a disfrutar desta proba deportiva na que se dá cabida o mellor do automobilismo galego e estatal”.

Antes da presentación, as autoridades presentes puideron observar e subirse a algúns dos vehículos que van participar nesta edición, xa que permaneceron durante un tempo na praza de San Marcos.

Fotografías: Carlos Rodríguez
http://www.escuderiamiño.com/498/cartel

Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo, 2013-09-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES