Notas de prensa

Ferrolterra acollerá a finais de agosto a XXVI edición do Campionato de Surf Pantín Classic Galicia Pro

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, interveu esta mañá no acto de presentación da XXVI edición do campionato de surf Pantín Classic Galicia Pro que se celebrou no porto de Ferrol e que contou coa presenza do alcalde de Valdoviño, José Antonio Vigo Lago e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela. O Pantín Classic Galicia Pro ten por obxecto acercar ao público o concepto da familia, o surf e a natureza.

A edición do campionato deste ano é unha das mais internacionais desde o seu comezo. Participantes de todo o mundo danse cita neste enclave tan especial para a práctica do surf.

A este respecto, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, resaltou o feito de que Galicia acolla un ano máis un dos campionatos de surf de máis renome internacional. Ademais, segundo dixo, nesta nova edición, como leva acontecendo xa un cuarto de século, o Pantín Classic implementa melloras, novidades e cambios que redundan na súa consolidación como unha das probas deportivas á vangarda da competición mundial.

Nava Castro incidiu en que “o Pantín Classic Galicia Pro ten o mellor dos escenarios posibles porque a costa galega e en concreto a de Ferrolterra ofrece excepcionais condicións para a práctica deste deporte”. A relación íntima coa natureza de Galicia é un dos atractivos fundamentais desta cita á que cada ano acoden os mellores deportistas do mundo nesta disciplina e que acada grandes éxitos de crítica e público polo seu nivel e excelente organización.

Surfistas e afeccionados de todo o mundo teñen reservada unha cita no calendario estival para visitar Ferrolterra e practicar este deporte náutico. A directora de Turismo destacou tamén que Galicia traballa na preservación do seu medio natural “porque o feito de preservar a natureza contribúe a dotar de calidade ao destino e así se recoñece a través dos distintivos internacionais, como as Bandeiras Azuis”. “Temos 128 Bandeiras Azuis na nosa comunidade, liderando o ránking estatal”, recalcou. Só en Ferrol dous distintivos ambientais ondean nas praias de Doniños e San Xurxo. En Valdoviño, as praias de Meirás, A Frouxeira, Vilarrube, Baleo e Pantín, contan con este distintivo de calidade medioambiental. Tamén o club náutico Ría de Ares dispón de Bandeira Azul, xunto con outras 16 mariñas galegas. En total, once dos 37 sendeiros azuis que hai en España están en Galicia.

Nava Castro comentou tamén que como aconteceu nos últimos anos, o Pantín Classic 2013 vai ser de novo “un potente dinamizador turístico para esta zona e un exemplo en vivo do desenvolvemento turístico sostible e respectuoso coa preservación ambiental”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-08-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES