Notas de prensa

Estréase o filme documental galego “Costa da Morte” no Festival de Cine de Locarno (Suiza)

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a estrea mundial do filme Costa da Morte, primeira longametraxe do director vigués Lois Patiño, no prestixioso festival internacional de cine da cidade suíza de Locarno.

Este documental, producido por Zeitun Films e realizado co respaldo da Consellería a través da axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual, proxectarase o vindeiro domingo día 11 dentro da sección de competición Cineastas do Presente.

O equipo de Costa da Morte conta tamén coa colaboración de Cultura e Educación para asistir á 66ª edición do certame, referente para a produción cinematográfica independente, onde esta fita galega será a única representante de España entre as 16 películas seleccionadas para competir polo Prado de Ouro dentro desta categoría, dedicada a directores emerxentes que presenten óperas primas ou segundas longametraxes tanto documentais como de ficción.

O filme introduce os espectadores nesta zona de Galicia a través do relato dos seus habitantes e da súa relación coa paisaxe. Tradición e lenda fúndense no imaxinario colectivo, asociado ademais á vinculación desta terra coa idea de fin e de morte. O documental convértenos en testemuñas do traballo que realizan pescadores, mariscadores, madeireiros… nun labor cotián que os leva a manter, á vez, unha relación íntima e unha batalla coa inmensidade do contorno natural.

Neste sentido, o vento, a pedra, o mar ou o lume son tamén personaxes en Costa da Morte, e a través deles achegámonos ao misterio da paisaxe, entendida como unha unidade xunto ao home, a historia e o misterio.

Soporte dixital

Para o seu debut na dirección de longametraxes, Patiño contou cunha achega de 20.000 euros por parte da Agadic, a máxima contía outorgada no marco da convocatoria de 2011 de subvencións ao talento audiovisual galego na modalidade destinada á realización de longas en soporte dixital.

O resultado deste traballo será presentado este domingo en La Sala de Locarno no marco do seu Festival del Film, que o ano pasado reuniu máis de 160.000 espectadores entre profesionais, prensa especializada e afeccionados. Mañá inaugúrase a súa 66ª edición, que se estenderá ata o vindeiro día 17 e durante a que se programarán máis de 300 citas audiovisuais en diferentes espazos da cidade.

Formación e traxectoria

Lois Patiño (Vigo, 1983) compaxinou os seus estudos de Psicoloxía na Universidad Complutense de Madrid cos de cinema na Escuela Universitaria de Artes y Espectáculos TAI. Continuou a súa formación audiovisual na New York Film Academy e en Barcelona, onde realizou o Master de Documental de Creación na Universitat Pompeu Fabra. Así mesmo, ten realizado cursos de videocreación na Universität der Künst de Berlín, baixo a titoría de Katherin Sieverding, e talleres con artistas e cineastas como Joan Jonas, Pedro Costa, Víctor Erice, José Luis Guerín ou Daniel Canogar, entre outros.

Con seis curtas estreadas, ademais de vídeos e videoinstalacións, as súas obras foron presentadas en centros de arte como o Pompidou de París, o Reina Sofía de Madrid, o Haus der Kuilturen der Welt de Berlín ou o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago de Compostela, ademais de en festivais internacionais de cine como o de Roma, Oberhausen (Alemaña), Vila do Conde (Portugal) ou o BAFICI de Bos Aires.

Gabinete de Comunicación da AGADIC, 2013-08-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES