A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia o X Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, que se celebra no Auditorio Ilduara da vila ourensá do 17 ao 19 de xullo coa participación de alumnos, mestres e profesionais que abordarán a situación do sector en Galicia baixo o título O audiovisual galego: presente cambiante e alternativas de futuro.
Organizado pola Fundación Carlos Casares e a Universidade de Vigo (a través da Vicerreitoría do Campus de Ourense) xunto á Deputación de Ourense e o Concello de Celanova, o curso conta tamén coa colaboración, ademais da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), da Televisión de Galicia e da Facultade de Ciencias Sociais e de Comunicación de Pontevedra.
Desenvolverase ao longo de tres xornadas intensivas, nas que se combinarán as sesións centradas sobre distintos asuntos do panorama audiovisual actual, tanto no que atinxe ao coñecemento de novos formatos e produtos como á reflexión e debate de ideas cara ao futuro. Está prevista a participación como relatores de máis de 30 profesionais galegos entre mestres, intérpretes, creadores e produtores, que falarán diante dun alumnado aberto a un máximo de 70 estudantes. O prazo de inscrición mantense aberto ata o próximo 17 de xullo.
En nome da Consellería de Cultura, o director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe en Ourense no acto de presentación da décima edición desta iniciativa xunto a Manuel Baltar, presidente da Deputación; Xosé Luís Ferro, alcalde de Celanova; Xavier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares; María Lameiras, vicerreitora do Campus de Ourense; así como o profesor, escritor e crítico de cine Miguel Anxo Fernández, director do curso.
Fornecer as novas xeracións
Na súa intervención, Sutil destacou o valor adicional incuestionable que para a política de fomento do audiovisual da Consellería supón a aposta definida, especializada e estratéxica por accións pedagóxicas que se veñan a sumar ao ensino regrado. Neste sentido, explicou que a cita de Celanova responde perfectamente a este afán didáctico, xa que se dirixe engadiu a fornecer no coñecemento e nas ferramentas do audiovisual as novas xeracións, a través dun atractivo formato como curso de verán de extensión universitaria no que alumnos de todas as disciplinas poden participar e realizar as súas achegas.
Referiuse tamén a que este curso realiza un importante labor de difusión do traballo dos creadores galegos actuais, ao tempo que brinda mediante a serie de 14 proxeccións programadas de todos os tipos e xéneros unha interesante oportunidade para dotar de visibilidade á produción audiovisual galega de hoxe en día.
Para os seus organizadores, os obxectivos do curso 10 anos despois da súa primeira edición en 2004, están agora determinados pola diferente realidade económica na que teñen que desenvolver a súa actividade os creadores actuais, que practican novos formatos propiciados polas últimas tecnoloxías. De feito, o curso de Celanova recolle este ano un programa moi variado que reflicte tanto a versatilidade da longametraxe (ficción, animación, documental...) como, sobre todo, as posibilidades das creacións online, webseries ou tv-movies.
Xa no apartado de intercambio de reflexións e ideas, está prevista unha xornada de debate o próximo venres 19 de xullo a cargo de representantes das principais entidades asociativas do sector en Galicia: Agapi, AEGA, Clúster Audiovisual e Academia Galega do Audiovisual; e na que tamén participará a Agadic.
Taller Celanova, plató de ficción
Ao abeiro deste curso desenvolverase ademais o taller práctico Celanova, plató de ficción, dirixido por Paulino Pérez Feijoo e destinado especificamente a alumnos de Comunicación Audiovisual, que poderán deste xeito producir unha peza audiovisual nun período de tempo determinado e cun orzamento pechado.
Na que será a cuarta edición deste taller, crearase unha webserie de tres capítulos episódicos con actores e actrices procedentes dun casting realizado entre o alumnado da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo. Cada unha das entregas presentarase por cada día do curso e activarase ao mesmo tempo en internet
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.