Notas de prensa

Feijóo di que Galicia cumpre o 80% da reforma administrativa proposta para as autonomías

O presidente da Xunta subliña que “Galicia leva catro anos reformando a súa administración autonómica para facela máis eficiente e útil aos cidadáns” e di que xa se aplicaron o 90% das medidas formuladas.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que “Galicia ten moito camiño andado” na racionalización que persegue a reforma das administracións públicas presentada polo Goberno central. Así, informou de que, de acordo co informe valorado polo Consello da Xunta, Galicia cumpre ou está na disposición de cumprir o 80% das propostas realizadas ás autonomías e aplicou xa na súa propia estrutura administrativa o 90% das medidas formuladas para a Administración central.

O mandatario galego remarcou que “Galicia leva 4 anos reformando a súa Administración autonómica para para facela máis eficiente e, polo tanto, máis útil aos cidadáns”, motivo polo que agradeceu e recoñeceu “o esforzo co que desde o Goberno central se está a impulsar o mesmo en todas as Administracións públicas”. Na rolda de prensa posterior ao Consello, asegurou que “non hai beneficio ningún en incrementar sen control o gasto público e todo o diñeiro temos que destinalo prioritariamente aos servizos públicos esenciais: sanidade, educación, universidades e servizos sociais, aí é onde hai que poñer o diñeiro e non no aparato burocrático para a xestión do autogoberno”.

Feijóo remarcou que, desde ese convencemento, Galicia iniciou o camiño da reforma hai catro anos e se comprometeu a seguir traballando porque, apuntou, “sen dúbida podemos facer as cousas mellor e detectar aínda algunha bolsa de ineficiencia”.

Insistiu o titular da Xunta en que Galicia “comparte o espírito” do informe do Goberno central porque “se centra en campos nos que vimos traballando desde hai catro anos: o control do gasto corrente, a racionalización da administración paralela, o impulso da administración electrónica ou na eliminación de trámites burocráticos e as cargas administrativas”.

Aplicación pioneira de medidas propostas para o Estado

Así, concretou que o informe avalado polo Consello demostra que “Galicia adoptou de forma pioneira en moitos casos” a maioría das propostas. En relación coas que se formulan para a racionalización da Administración central, Feijóo sinalou que a comunidade autónoma cumpre o 90 por cento, e detallou as seguintes:

En primeiro lugar, a Lei de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, LOFAXGA, “na que se acadaron os obxectivos buscados agora polo Goberno central”, dixo, como a clasificación e regulación dos distintos tipos de entes, o establecemento de controis económico-financeiros nos mesmos, e a inclusión dos seus orzamentos nos xerais da comunidade autónoma.

En segundo lugar, a Lei do emprendemento, da que apuntou Feijóo que “aposta pola simplificación e eliminación das cargas administrativas en todo tipo de procedementos, pola substitución de autorizacións previas por comunicacións responsables e pola simplificación de trámites administrativos para a apertura dun establecemento comercial ou para a posta en funcionamento dunha empresa”.

En terceiro lugar, a Lei do emprego público, actualmente en tramitación e que, segundo sinalou o presidente da Xunta, “xa desenvolve para o persoal da Administración galega a Lei do estatuto básico do empregado público” e introduce, de acordo coa reforma, mecanismos de avaliación do desempeño e medición da produtividade dos empregados públicos.

En cuarto lugar, o titular do Goberno galego referiuse á Lei de racionalización do sector público autonómico, que “xa avoga por varias das medidas que o informe do Goberno estuda aplicar na Administración xeral do Eestado”, como identificar as funcións que, estando externalizadas, se poden realizar con medios propios; implantar un proceso de avaliación continuada das estruturas existentes; e avanzar na simplificación administrativa na contratación pública; regular o novo modelo de organización centralizada da contratación.

En quinto lugar, no eido da administración electrónica, o presidente galego salientou que a Xunta conta desde 2011 cunha Axencia de Modernización Tecnolóxica como a que o Goberno central propón para centralizar os servizos TIC. “Aí estamos traballando, igual que o informe propón, na substitución de notificacións postais por electrónicas, na creación dun taboleiro único, na consolidación de infraestruturas TIC comúns, e na substitución de trámites convencionais por trámites electrónicos”.

Ademais disto, Alberto Núñez Feijóo remarcou que se activaron outras medidas recollidas no informe, como o “orzamento en base cero en todo o que se refire ao gasto corrente das consellerías”; o plan de simplificación lexislativa para reducir o corpo normativo nun 25 por cento; a centralización da xestión do parque móbil, reducindo o número de coches oficiais unipersonais de 160 vehículos a 16 vehículos; o plan de racionalización do gasto de alugamentos, co obxectivo de 12 millóns de euros de aforro anuais; a regulación da factura electrónica; o manual sobre a redución de cargas administrativas nos procedementos, que está a reducir un 20 por cento os tempos de tramitación; a integración dos diferentes portais da Administración pública en internet a través dun punto de acceso xeral; o plan de racionalización da Administración paralela con 50 entes suprimidos a data de hoxe; a aposta pola formación transversal e pola teleformación como un dos obxectivos básicos da Escola Galega de Administración Pública; e a centralización en distintas actuacións moitos números de atención telefónica ao cidadán.

Cumprido o 80% das propostas ás autonomías

No que se refire ás recomendacións que o Goberno central fai ás comunidades autónomas, Feijóo resaltou que a Xunta ten resolto case o 80 por cento, e entre elas mencionou as sinerxías entre as oficinas do exterior de Galicia e do Estado; a planificación conxunta das tecnoloxías da Xustiza; a creación dunha xanela de información única para obter datos de axudas e subvención ás pemes; a xeneralización do uso de bases de datos integradas e interconectadas entre administracións; o control da débeda cos provedores; ou o recoñecemento mutuo de licenza entre autonomías e co Goberno central no eido das emerxencias e na protección civil.

Aposta por manter a menor custo os órganos estatutarios

En relación coa eliminación de entes que propón o informe do Goberno central, Feijóo remarcou que a comunidade autónoma decidiu non ter, por exemplo, servizos demoscópicos, “que empezamos a deixar sen efecto a comezos de 2009”, ou axencia de protección de datos e autoridade de certificación electrónica.

O presidente da Xunta referiuse tamén aos órganos estatutarios como o Consello de Contas e o Valedor do Pobo, sobre os que salientou a necesidade de consultar ao Parlamento, se ben deixou claro que desde o Goberno galego “entendemos que se deben de manter”, iso si, “reducindo os custes do seu funcionamento”.

Insistiu en que e se trata en ambos casos de “órganos fiscalizadores” do Goberno e polo tanto manter a súa existencia é unha cuestión de “responsabilidade” pero detallou que a Xunta xa ven apostando por reducir o seu custo nos últimos anos. Así, o Valedor do Pobo rexistrou unha baixada do orzamento do 17% coa eliminación de todos os vicevaledores; o Consello de Contas afrontou unha redución, con respecto ao presuposto do ano 2009, do 16%; o Consello Consultivo o descenso orzamentario entre o ano 2008 e o ano 2013 é do 15% e no caso do Consello Económico e Social a redución acadou un 40 %.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-07-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (danza-galicia-2026.jpg) Esta edición do catálogo dá conta da fortaleza e da pluralidade da danza galega actual, cunha representación moi ampla de linguaxes, formatos e enfoques escénicos. O volume recolle pezas de danza contemporánea, de raíz, urbana, inclusiva e transversal, ademais doutras creacións que dialogan co teatro, a música en directo, a performance ou o circo. A selección abrangue tanto espectáculos de longo formato como pezas curtas, propostas familiares e montaxes para público adulto, o que reforza o valor desta publicación como ferramenta útil para a programación profesional. O conxunto evidencia a versatilidade da creación galega á hora de adaptarse a distintos contextos e establecer dinámicas colaborativas.
Foto de la tercera plana (premios-cultura-galega-2025.jpg) Tivo lugar a entrega dos Premios da Cultura Galega que cada ano recoñecen a creatividade, o talento e o esforzo dos artistas que exercen de embaixadores do que significa Galicia Calidade por todo o mundo. Destacaron os 75 anos que Editorial Galaxia leva traballando para difundir as obras en galego; o labor do mestre Antón Corral á hora de recuperar pezas da música tradicional galega; a asociación Sempre Galicia, que leva décadas promovendo a cultura galega entre a diáspora do Uruguai; o labor da Bienal de Arte de Pontevedra e a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, e tamén o de Bodegas Martin Códax, a produtora Baños Films e os creadores da campaña Aquí tamén se fala.

Notas

O sábado 11 de abril ás 2.07 da madrugada, hora peninsular española, remataba no océano Pacífico, coa amerizaxe dos catro astronautas que a protagonizaron, a misión Artemis II. Atrás quedaban10 días nos que percorreron 1.117.659 quilómetros, que os converteron nos humanos que máis lonxe viaxaron no espazo, ademais de ser os primeiros en observar algunhas zonas da cara oculta da Lúa.
A Reitoría da Universidade da Coruña acolleu a xornada “O sistema internacional contemporáneo: multilateralismo e desorde internacional”, un encontro académico de alto nivel que reuniu especialistas internacionais para reflexionar sobre os principais retos actuais da orde xurídica internacional. A xornada serviu tamén como acto de homenaxe ao profesor José Manuel Sobrino Heredia, catedrático emérito de Dereito internacional público da UDC.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES