Notas de prensa

Feijóo di que coa fusión voluntaria dos concellos de Oza e Cesuras Galicia sitúase na cabeza dunha nova política municipal necesaria

Asegura que a Xunta seguirá apoiando a aqueles concellos que se queiran fusionar: “Fomentaremos todas as posibilidades de cooperación municipal xa sexa unha cooperación definitiva, a través dunha fusión legal, ou xa sexa a través de fórmulas de cooperación na presentación de proxectos a ser financiados pola comunidade autónoma”.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que coa fusión voluntaria dos concellos de Oza dos Ríos e Cesuras, Galicia sitúase na cabeza dunha “nova política municipal necesaria”, baseada en ter concellos “máis fortes, máis sólidos, con máis poboación e con máis futuro”. “Un fito no que se refire a unha nova forma de facer municipalismo que é constituír municipios que teñan vocación de permanencia e non municipios que estean continuamente en interdito polos cidadáns, pola opinión pública e por un mapa municipal que necesitamos novo, en España”, dixo.

Logo de que o Consello da Xunta aprobase hoxe o decreto da fusión, Feijóo recalcou que estamos diante dun proceso que é “pioneiro” en España e que en Galicia non ocorría desde fai 45 anos; “un proceso –salientou- que amosa beneficios e posibilidades para todos” e no que hai unha implicación dos veciños e unha implicación política: a nivel local, a través dos alcaldes e dos seus respectivos grupos maioritarios e a través da Fegamp; a nivel provincial, a través do apoio expreso da Deputación de A Coruña, do presidente e do grupo maioritario da Deputación; e a nivel autonómico, co apoio expreso do Goberno da Xunta.

“Os veciños de Oza e Cesuras van vivir nun concello máis próspero e nun concello que ten vocación de permanencia fronte aos retos dun novo mapa municipal. Co apoio maioritario decidiron apostar pola cooperación e dar un paso adiante cara á fusión e, co apoio maioritario lograron converterse nun único concello que, a partir de agora, destinará menos cartos á burocracia e máis cartos a servizos públicos”, explicou, amais de precisar que, a partir de agora, a Xunta asume durante 10 anos priorizar os seus programas de investimentos e os seus programas de axudas neste novo concello de Oza-Cesuras.

Durante a súa intervención, o titular da Executivo galego referiuse, tamén, ao longo proceso que se iniciou con carácter voluntario polos concellos de Oza e Cesuras, que someteron o proxecto de fusión voluntaria a información pública. De seguido, tanto a Deputación de A Coruña como a Comisión Galega de Delimitación Territorial emitiron informe favorable da unión de ambos os concellos, que foi tamén respaldado de forma unánime polo Consello Consultivo de Galicia. “Logo de todos estes pasos, hoxe, a Xunta dita un decreto histórico autorizando a fusión de dous municipios galegos co cal o mapa municipal de Galicia pasará de 315 a 314 municipios”, afirmou.

A Xunta dará traslado deste decreto á Administración do Estado e a resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia correspondente e no Boletín Oficial del Estado.

Fomentar todas as posibilidades de cooperación municipal

Feijóo concluíu a súa intervención incidindo en que detrás desta fusión hai unha política “responsable” e unha política “valente”, que sitúa por riba de calquera interese partidista o interese xeral. E, neste sentido, asegurou que a Xunta seguirá apoiando a aqueles concellos que se queiran fusionar: “Fomentaremos todas as posibilidades de cooperación municipal xa sexa unha cooperación definitiva, a través dunha fusión legal, ou xa sexa a través de fórmulas de cooperación na presentación de proxectos a ser financiados pola comunidade autónoma. Esta fusión que hoxe se materializa de forma definitiva acredita que é posible”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-06-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES