
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da República Oriental do Uruguai, José Mujica, avogaron por dar carácter de estabilidade ás relacións económicas e empresariais entre Galicia e Uruguai, centrándose en sectores estratéxicos como as enerxías renovables ou o naval. Así o manifestaron tras o encontro que mantiveron esta tarde ambos os mandatarios, no marco da primeira visita oficial que o presidente da República Oriental do Uruguai realiza a Galicia.
Durante a reunión, tanto Alberto Núñez Feijóo como José Mujica coincidiron en destacar que a relación dos galegos co país do cono sur vén de antigo e está sustentada nunhas sólidas raíces e que esta visita á nosa terra, non fai senón testemuñar a nosa firme vontade de que esa relación teña futuro, e que se vaian fortalecendo e impulsando os vínculos que se teñen fraguado ao longo da historia, destacou Feijóo.
Esta tarde, os Gobernos de Galicia e de Uruguai queremos dar un paso máis neste sendeiro de progreso que conduce cara á alianzas estratéxicas que nos permiten camiñar unidos e crecer, aseverou o presidente da Xunta, resaltando a aposta por impulsar de maneira conxunta unha colaboración aínda máis intensa entre os dous territorios que dea carácter de estabilidade ás relacións entre Galicia e Uruguai.
De aí, avanzou, a sinatura dun convenio de colaboración conxunto polo que ambos territorios levantamos os cimentos dunha colaboración permanente para desenvolver accións conxuntas que contribúan a dinamizar as nosas empresas. Un acordo que sentará as bases dunha cooperación estable e duradeira; que identifica ao Instituto Galego de Promoción Económica, Igape, e ao seu homólogo, Uruguay XXI, como axentes encargados de pilotar esas relacións económicas nos dous territorios, ao ser os mellores coñecedores das posibilidades comerciais e de investimento mutuas; e que formaliza e consolida a boa sintonía xa existente e que une historicamente a Galicia e a Uruguai.
Estamos convencidos aseverou o presidente galego-, de que esta nova aposta de colaboración permitirá que as rodas deste tándem conformado por Uruguai e Galicia xiren, avancen e cheguen a bo porto, ofrecéndonos resultados tanxibles que demostren a oportunidade e o acerto do reforzo destas relacións.
Uruguai, aliado fundamental, decisivo e prioritario
O presidente da Xunta incidiu na necesidade de Galicia de apostar pola proxección exterior da súa economía e traballar no reforzo de alianzas estratéxicas. E nese camiño, dixo, Uruguai tórnase como un aliado fundamental, decisivo e prioritario. Referiuse a este país do cono sur como clave na economía mundial e como un dos focos de desenvolvemento: así o acredita o seu potencial económico (o ritmo de crecemento de Uruguai situouse nunha media do 5,5% na última década); o ser un país saneado; e a súa posición xeográfica estratéxica, ao ser veciño de Brasil e Arxentina.
Uruguai sitúase, pois, como un territorio que xa é clave na economía mundial, explicou Feijóo, remarcando que tamén é fundamental e decisivo para os intereses da comunidade e das empresas galegas: é o quinto destino latinoamericano dos produtos galegos; 46 empresas galegas exportan habitualmente a este país; e nel están implantadas firmas galegas relevantes, de distintos sectores como o téxtil, a tecnoloxía ou a construción.
Sectores estratéxicos: o naval ou as enerxías renovables
De igual modo en que en Galicia somos conscientes da nosa necesidade de internacionalización e de facilitar a presenza dos emprendedores galegos no exterior, como cara e cruz dunha mesma moeda, sabemos que é preciso atraer investidores doutros países cara á nosa terra, argumentou Feijóo, incidindo que é aquí onde Galicia se erixe como punto de referencia, como porta de entrada a Europa e está chamada a xogar un papel de primeira orde no acercamento mutuo entre Latinoamérica e o vello continente europeo.
Nesta liña, tanto o presidente galego como o mandatario de Uruguai coincidiron en destacar como grandes protagonistas nas relacións empresariais entre os dous territorios os sectores pesqueiro e naval. Resaltaron as sinerxías bilaterais entre ambos os dous países, e a oportunidade de que Uruguai pretenda crear un polo naval en Montevideo e no sur do país, para o que o saber facer do naval de Galicia podería ser o instrumento adecuado e propicio para contribuír a levalo a cabo. Un saber facer que levou á construción de tres barcazas en Uruguai polo grupo galego Galictio, e que podería acadar maior percorrido, tanto no que se refire á produción de buques, como á loxística dos portos.
O campo das enerxías renovables tamén se sitúa como foco de investimentos duradeiros e estables. A este respecto, o presidente da Xunta expuxo ante Mujica que máis da metade da enerxía que produce Galicia é de orixe renovable, que a comunidade galega é a que conta con maior potencial de España neste eido e que se sitúa como unha das rexións europeas que ten máis evolucionados todos os eslavóns da cadea de valor. E que, por isto, Galicia está chamada a ser socio prioritario de Uruguai, que pretende seguir ampliando a súa capacidade eólica, de biomasa e hidráulica.
Por último, o mandatario galego e o presidente uruguaio incidiron noutras potencialidades existentes entre os dous países en sectores como a automoción, os centros tecnolóxicos, as infraestruturas ou a construción.
Visita do presidente de Uruguai a Galicia
O encontro entre o titular da Xunta e o mandatario da República Oriental do Uruguai é o primeiro acto da axenda do presidente Mujica en Galicia. Durante os dous días da que é a súa primeira visita institucional á comunidade galega, o mandatario uruguaio terá a oportunidade de reunirse, nesta mesma xornada de domingo, coa colectividade residente en Galicia. Mañá, luns, José Mujica, xunto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, procederán á inauguración da praza de Uruguai, en Santiago de Compostela. Despois trasladaranse ata a Coruña, onde visitarán o porto exterior. A visita oficial do presidente de Uruguai a Galicia finalizará cun encontro coa Confederación de Empresarios de Galicia, que se celebrará en Santiago.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.