A Xunta de Galicia mantivo un novo encontro cos representantes dos traballadores da planta de Alimentos Lácteos. Durante a xuntanza, o director de Xesgalicia, Juan Cividanes, manifestou ao comité de empresa a necesidade de aliñar todas as posturas para salvar o proxecto de Outeiro de Rei, para o que a Xunta de Galicia está a facer un importante esforzo co único obxectivo de manter os postos de traballo e garantir a viabilidade da empresa.
No transcurso da reunión incidiuse na necesidade de contar coa implicación de todas as partes implicadas, ademais do compromiso das cooperativas, a cooperación fundamental de accionistas, entidades financeiras e socio industrial. Así mesmo, reafirmou que a Xunta non escatimará esforzos para atopar unha solución duradeira para a planta, como ten feito desde o primeiro momento.
O director de Xesgalicia trasladou os pasos que se están a seguir para intentar achegar posturas e acadar os consensos precisos que redunden nun proxecto industrial forte e xerador de resultados positivos. Para conseguilo Cividanes manifestou aos traballadores o total compromiso da Xunta de Galicia cuxa principal preocupación é o mantemento do emprego.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.