O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, defendeu a transferencia do coñecemento universitario ás empresas, co obxectivo de que estas gañen competitividade e xeren novos empregos de calidade. Conde participou no VI Congreso de Fundaciones Universitarias y Fundaciones Universidad Empresa, en San Lorenzo del Escorial (Madrid), e avogou por orientar as prioridades da investigación pública cara o crecemento económico.
As administracións públicas e as fundacións universitarias, salientou o conselleiro, deben liderar ese cambio, aliñando os obxectivos da investigación universitaria coa aplicación económica e industrial dos resultados obtidos. A finalidade desta orientación, defendeu Conde, é a mellora competitiva das empresas, que debe acadarse a través dos procesos, as persoas e unha planificación enfocada nos sectores estratéxicos.
Conde destacou tres casos de éxito nos esforzos compartidos entre Universidade e Empresa. En primeiro lugar, referiuse aos grupos de investigación universitaria que terminan por crear unha empresa: as spin-off. Son unha invitación a arriscar, a saír do marco establecido e buscar unha implementación de novas ideas, dixo, poñendo como exemplo á spin-off da Universidade de Santiago Galchimia.
En segundo lugar, sinalou os casos de empresas consolidadas que acoden á universidade para investigar novos produtos e melloras, que lles dean a vantaxe necesaria para competir no mercado global, como é o caso, indicou, de empresas galegas como o Grupo Cupa e a súa colaboración coa Universidade de Vigo.
Por último, destacou os casos de estudantes que, a partir do traballo nunha materia, terminan por sacar adiante o seu proxecto, como o caso de Hifas da Terra, unha empresa de biotecnoloxía aplicada á micoloxía.
Este último, subliñou Conde, é a mostra de que a Universidade xera de forma constante un talento innovador que debe ser aproveitado polas empresas. Para iso, sinalou é necesario inculcar a cultura emprendedora aos estudantes das universidades, e facilitarlles a creación de novas empresas, algo que a Administración galega está a impulsar coa nova Lei do Emprendemento que se está a tramitar.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.