
O presidente do Banco Sabadell, Josep Oliu, presentou ao titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, unha estratexia de crecemento na Comunidade galega e trasladoulle o compromiso co mantemento dos postos de traballo do Banco Gallego.
Durante unha reunión -á que tamén asistiu o conselleiro delegado do Banco Sabadell, Jaume Guardiola, e a conselleira de Facenda, Elena Muñoz- Feijóo constatou o interese que a entidade financeira mantén na comunidade a través do Banco Gallego, que recentemente ten adquirido e que permitirá á entidade elevar a súa cota en Galicia, chegando cos 125.000 clientes do Banco Gallego a superar os seis millóns de clientes en toda España.
Así, o presidente do Banco Sabadell incidiu en que o seu obxectivo pasa por manter a posición que o Banco Gallego tiña ata agora en Galicia, polo que reiterou a mensaxe de tranquilidade no relativo á continuidade de oficinas e empregos, e mesmo trasladou que estudará a posibilidade de manter a continuidade da marca.
Tanto Josep Oliu como o responsable do Executivo autonómico coincidiron en afirmar que a unión co Banco Gallego servirá para dar valor engadido á entidade resultante, ao converterse no sexto operador da comunidade. En virtude disto, o presidente galego solicitou á entidade que o resultado desta operación sirva para favorecer a fluidez do crédito para as familias e para os emprendedores galegos, algo fundamental para a recuperación da economía.
Neste sentido, Feijóo lembrou que Galicia é un lugar seguro para investir e que conta co aval da súa solvencia e da súa responsabilidade ante as obrigas. Por iso, insistiu en que o plan de negocio do Sabadell nesta Comunidade inclúa entre as súas prioridades dar resposta ás necesidades das familias e das empresas, e acompañar aos sectores produtivos galegos na aposta pola internacionalización da nosa economía.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.