Notas de prensa

Feijóo di que Galicia demostra que a pluma e a palabra son máis fortes que a forza

O mandatario autonómico participou na presentación da edición facsimilar de Cantares Gallegos, coeditada polo Parlamento, a Xunta e o Consello da Cultura Galega. “Somos o pobo da palabra”, subliña, incidindo en que esa palabra “ventureira nacida do máis fondo da alma popular” acadou a súa consagración literaria da man de Rosalía de Castro.

“Galicia demostra -e estou certo de que seguirá demostrando sempre- que a pluma e que a palabra son máis fortes que a forza e que a pelexa para espertar ao noso pobo”. Son as palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a presentación da edición facsimilar de Cantares Gallegos, coeditada polo Parlamento de Galicia, a Xunta e o Consello da Cultura Galega con motivo do 150 aniversario da publicación desta obra.

“Nós temos libros”, aseverou Feijóo, “e nós temos a palabra- engadiu-: a palabra que a maioría do pobo sempre preservou cando alguén tratou de quitarlla e que afortunadamente hoxe ten ecos neste Parlamento democrático”.

Na súa intervención, o mandatario autonómico apuntou que Galicia se construíu cun “diálogo interminable” que fixo xerminar o idioma propio. “Os galegos –explicou-, necesitaban unha ferramenta súa, un código particular que reflectira a súa maneira de entender o mundo e chamarlle ás cousas. E fixérono”, argüíu, lembrando que, entre todos, “ergueron unha gran catedral do idioma no que cada galego e cada xeración deixaron a súa pegada”.

“Somos o pobo da palabra” e “os nosos grandes fitos son libros”, argumentou Feijóo, sinalando que Galicia “naceu falando, fíxose e seguiu en pé porque a nosa xente sempre atopou un adro verbal no que atoparse cos demais e conversar”.

“Os galegos de antano precisaron facer seu o seu tempo e os galegos do século XXI tamén”, indicou, lembrando que esa pulsión “que nos levou a querer estar no mundo tal e como somos, está vixente” e por iso o idioma e o pobo galego “están vivos”.

Pero esa palabra “ventureira”, nacida do máis fondo da alma popular, pedía tamén unha consagración literaria, sinalou Feijóo; unha consagración que veu da man de Rosalía de Castro. "Rosalía demostra que o culto pode ser popular e o popular, culto; é a heroína que gaña a batalla incruenta contra unha separación artificiosa e estéril”, apuntou Feijóo indicando que estamos diante “dunha irmandiña que utiliza as letras como armas para derrubar castelos de ignorancia e incomprensión”.

“Rosalía dálle ao pobo o que é seu, e o pobo recompénsaa coa mellor distinción que pode recibir un creador: a inmortalidade”, comentou o presidente da Xunta lembrando que Cantares Gallegos se converteu, século e medio despois, nunha obra colectiva que é preciso ler para entender mellor “os segredos da galeguidade”.

“Queremos que esa inmensa enerxía que o libro atesoura aumente con cada novo lector. Queremos que Cantares Gallegos siga alentando na nosa xente o orgullo de ser como somos”, remarcou.

O presidente da Xunta quixo rematar a súa intervención facendo un chamamento a seguir o exemplo de Rosalía, “que fixo un acto de fe no seu país e na súa lingua nun momento histórico pouco apto para as esperanzas”. “Fagamos hoxe o mesmo, cando Galicia non pode dicir que calquera tempo pasado fora mellor e cando deixamos atrás as encrucilladas dramáticas das que alertaba o respectado presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero”, concluíu.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-04-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
Foto de la tercera plana (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES