Notas de prensa

Feijóo valora os acordos con Peña Nieto para o sector naval

O titular da Xunta di que México pode ter máis barcos galegos e Galicia máis investimento mexicano, durante o encontro que mantivo co presidente Peña Nieto. Logo desta entrevista, Feijóo visitou Porto Progreso, considerado como a porta de entrada ao Golfo de México.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosouse satisfeito polos avances logrados para o sector naval galego na reunión que mantivo onte co titular do Goberno mexicano, Enrique Peña Nieto, porque segundo puxo de manifesto: “México pode ter máis barcos galegos e Galicia máis investimento mexicano”.

Na súa última xornada de traballo en México, no Estado de Iucatán, Feijóo transmitiu que o mero feito de poder presentar a industria naval ao novo presidente do país “xa merecería a pena”, pero engadiu que o resultado do encontro “superou as expectativas”.

Así, agradeceu que Peña Nieto non só mantivera vixente todos os compromisos alcanzados na pasada lexislatura, e que inclúen o acordo asinado con PMI –filial de PEMEX— co estaleiro público Navantia e co estaleiro privado Barreras para a construción de dous floteis e a ubicación dunha base loxística da petroleira no Porto Exterior de Punta Langosteira.

A maiores, subliñou a importancia de que o presidente de México avale que Pemex conte con Galicia en novas operacións no futuro e concretamente na renovación da flota menor de PEMEX que suporá un investimento de 240 millóns de dólares. Tamén considerou “moi importante” que a confianza da petroleira no naval galego se estenda ata o punto de que teña manifestado o seu interese por participar no accionariado de estaleiros galegos.

“Non soamente afianzamos o que a tiñamos, senón que abrimos novas vías de colaboración”, resumiu, e considerou que é unha “gran noticia” para o sector naval galego, que terá un papel moi importante nos plans de investimento previstos por México para aproveitar todo o seu potencial petrolífero.

Neste senso, asegurou que tanto o encontro con Peña Nieto como a reunión previa co director de PEMEX serviu para constatar que o compromiso do país mexicano cos estaleiros galegos transcende aos cambios directivos en PEMEX e ao relevo no Goberno ocorridos tralas pasadas eleccións mexicanas.

“Galicia logrou o compromiso de dous presidentes de México”, salientou, e animou ao sector naval galego a seguir poñendo en valor o seu potencial “en cada oportunidade que haxa no mercado internacional”.

Ese mesmo obxectivo tamén o fixou para outros sectores produtivos de Galicia, como o portuario e o eólico, que marcarán a súa xornada de traballo en Iucatán. Así, Feijóo visitou o Porto Progreso, un dos principais portos do país mexicano en canto ao tráfico de mercancías e considerado porta de entrada ao Golfo de México.

Durante a visita, na que estivo acompañado por varias autoridades da Administración Portuario Integral de Progreso, Feijóo avogou por dar “carácter de estabilidade” á cooperación entre esta dársena e os portos galegos. Así, de cara ao futuro fomentaranse as relacións comerciais mediante intercambio de información, busca de investimentos e oportunidades de negocio. Tamén se colaborará en materia de seguridade, loxística e eficiencia.

Posteriormente, o presidente da Xunta tamén manterá un encontro co Gobernador de Iucatán, Rolando Zapata, unha cita no que poñerá en valor as potencialidades de Galicia para participar nos plans de diversificación económica emprendida neste Estado.

De xeito concreto, plantexará a posibilidade de afondar na colaboración no ámbito eólico, consciente de que o sector eólico galego conta cunha experiencia moi útil para os obxectivos de Iucatán neste eido.

“Loxicamente, a experiencia eólica de Galicia é incomparable e por iso podemos ser aliados estratéxicos de Iucatán no futuro”, explicou Feijóo, e engadiu que o encontro co Gobernador tamén servirá para abrir un diálogo estable en materia de pesca e de turismo, dúas áreas de especial importancia neste estado mexicano. Non en van, Iucatán é líder nacional en captura e venda de produtos pesqueiros como o polvo e ten no turismo o principal motor da súa economía.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-04-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES