O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, xunto co director do Igape, Javier Aguilera, mantivo un encontro en Madrid con directivos de General Dynamics para tratar a situación que está a atravesar a empresa Santa Bárbara, na Coruña. Na reunión Conde trasladou á compañía as reivindicacións e propostas acordadas cos traballadores no encontro mantido o pasado venres en Santiago, centradas na necesidade dunha ampliación do prazo para atopar alternativas capaces de garantir a viabilidade da empresa.
O conselleiro resaltou a fronte común establecido entre a Xunta de Galicia, o concello coruñés e os traballadores e salientou o seu apoio á continuidade de Santa Bárbara e o mantemento dos postos de traballo. Conde trasladou tamén á empresa a necesidade para a planta da Coruña do mesmo trato e a mesmas condicións que a compañía está a dar a outras fábricas nacionais.
Durante o encontro, manifestaron aos representantes de General Dynamics a implicación da Xunta e a súa dispoñibilidade de manter o esforzo na busca de alternativas para o futuro de Santa Bárbara, poñendo a disposición da empresa todas as ferramentas que estean ao alcance da administración autonómica para intentar garantir o seu futuro.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.