O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, recibiu no seu despacho ao director do grupo de danzas Queixumes dos Pinos, José Antonio Viñas Mira, que acaba de recibir o premio Oscar do Folclore 2012. Viñas Mira recolleu o galardón, outorgado pola International Union of Folklore Associations (IGF), o pasado 1 de decembro nunha gala celebrada na localidade portuguesa de Guimarães na que a Xunta de Galicia estivo representada polo delegado territorial en Ourense, Rogelio Martínez.
O conselleiro felicitou a Viñas Miras polo galardón obtido, froito dun intenso traballo de recuperación e posta en valor da cultura tradicional galega. O director do grupo de danzas ourensán foi o único español entre as 13 persoas que recibiron este ano o prestixioso galardón. Queixumes dos Pinos é, ademais, a única asociación folclórica española das 31 que conforma na IGF.
Traxectoria
José Antonio Viñas Miras comezou a súa traxectoria musical na súa infancia como integrante da Escola de Danzas da Deputación de Ourense, e ten participado en numerosos festivais de folclore por toda Europa. Neste momento compaxina a dirección de Queixumes dos Pinos coa presidencia da Federación Galega de Folclore. Da man do grupo de danzas ourensán Viñas Mira ten recollido premios nos festivais de Issoire (Francia) e Danetzare (Bitburg, Alemaña); así como o Nicolas Green - Festival I Bambini del Mondo de Agrigento (Sicilia)- , e o premio á Excelencia Folclórica - Festival Nunta Zanfirei de Rumania-, entre outros.
Desde a súa creación en 1994 Queixumes dos Pinos ten instruído no folclore galego a máis de mil alumnas e alumnos. Na actualidade, a asociación conta cunha escola de danza formada por arredor de 600 alumnos de diferentes idades e niveis, e imparte as súas clases en distintas asociacións da capital ourensá e da súa provincia.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.