A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, inaugurou a exposición das pinturas do XXIII Certame de Arte do Belén de Begonte, unha iniciativa que, segundo destacou, representa a capacidade de perpetuarse e estimular a creatividade cultural nun momento como o actual.
Arias, acompañada polo alcalde de Begonte, José Ulla Rocha, significou que o belén de Begonte supón non só un referente durante a época do Nadal en Lugo, senón un catalizador para as iniciativas culturais na provincia, xa que vencellada a esta representación desenvólvense certames e concursos literarios, poéticos e tamén pictóricos.
A delegada gabou a calidade das 21 obras presentadas ao concurso, que poderán ser visitadas de xeito gratuíto de luns a sábado na sala de exposicións do Edificio Administrativo en Lugo ata o día 15 de xaneiro, trasladándose despois a mostra a Begonte. O xurado utilizará tamén a sede administrativa da Xunta para celebrar as reunións de traballo das que sairán as obras gañadoras.
Trátase de obras de diferentes formatos e estilos que, segundo destacou Raquel Arias, van espertar a curiosidade dos que se acheguen a vela, máis alá dos detalles técnicos que valorarán axeitadamente os membros do xurado.
Na presentación estiveron presentes tamén o alcalde begontino, José Ulla Rocha, e Xulio Xiz, en representación do Centro Cultural José Domínguez Guizán. O rexedor sinalou a importancia que o belén e as actividades culturais complementarias teñen para situar a Begonte como referente do Nadal en Galicia
Pola súa banda, Xulio Xiz subliñou o feito de que se tivera chegado á vixésimo terceira edición do certame literario, e avanzou a posibilidade de que esta mesma semana o xurado alcance un acordo sobre os gañadores.
Precisamente a delegada agradeceu a ambos, representantes dos promotores do certame, que elixiran o Edificio Administrativo da Xunta como escaparate para o evento, á vez que puxo de manifesto que a sede da Xunta é un espazo aberto a todas as asociacións e colectivos que queiran facer uso das instalacións para iniciativas culturais ou sociais como a presente.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.