Notas de prensa

A Asociación de Gaiteiros Galegos promove a I Xornada da Música Tradicional

Especialistas de Galicia, Asturias, Castela e León, País Vasco e Portugal reúnense en Lugo os días 15 e 16 de decembro arredor da I Xornada sobre Música Tradicional promovida pola Asociación de Gaiteiros Galegos en colaboración coa Xunta.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a celebración das I Xornadas arredor da Música Tradicional que, organizadas pola Asociación de Gaiteiros Galegos, reúne en Lugo a especialistas de Galicia, Asturias, Castela e León, País Vasco e Portugal.

O Centro Lugo2 acolle esta primeira edición do encontro, que o sábado 15 e o domingo 16 desenvolve un intenso programa de mañá e tarde arredor de nove relatorios e incluirá, asemade, dous concertos e varias presentacións de novas publicacións sobre música tradicional.

O conxunto das actividades está pensado non só para aquelas persoas que traballan neste ámbito, senón tamén para todos os interesados en afondar na cultura tradicional tanto galega como das comunidades e países convidados. O obxectivo é –segundo a organización– “amosar a riqueza cultural dunha maneira aberta e chea de contidos”, así como facilitar a participación activa dos asistentes nos diferentes debates e conferencias.

Inscricións

O prazo de inscrición manterase aberto ata o vindeiro xoves día 13 ou ata completar o aforo dispoñible, caso este último no que se aplicará como criterio de aceptación a orde de recepción de solicitudes. As inscricións poden realizarse a través do mail [email protected] ou do teléfono 986 84 70 74, onde se facilitará aos interesados os datos para formalizar a matrícula cun custo de 5 euros para os socios da Asociación de Gaiteiros Galegos e de 10 euros para o resto de asistentes.

O encontro dará comezo na mañá do sábado cun relatorio sobre ourivería popular galega a cargo de Francisco Rodríguez Fernández ‘Pancho’, ao que seguirá a presentación dos libros Vámola alboreando. Músicas de Teo da Asociación Cultural A Regionalista e Son do fol de Xaime Estévez, e a intervención de Xerardo F. Santomé arredor do proxecto Treboada Galega.

A sesión de tarde incluirá outras tres conferencias –A gaita asturiana: historia e usos tradicionais a cargo de Alfonso Fernández, A cornamusa no País Vasco por Juan Mari Beltrán e As gaitas de fol na Pontevedra de finais do século XIX por Pablo Carpintero–, para concluír co concerto Xirolarrua-Gaita de Bota no que Juan Mari Beltrán e Fernando Jalón interpretarán un variado repertorio tradicional para este instrumento tanto no País Vasco como na Rioxa.

A xornada do domingo ofrece catro novos relatorios: pola mañá, os representantes da Associação Gaita de Foles falarán sobre a gaita de fol en Portugal, Xavier Groba afondará na figura de Casto Sampedro e a música do cancioneiro galego de tradición oral e Alberto Jambrina e Pablo Madrid realizarán un percorrido polas diferentes escalas e repertorio para gaita na provincia de Zamora. A partir das 16.00 horas, Paulo González encargarase de abordar algunhas das principais cuestión técnicas e históricas que afectan ao gaiteiro moderno.

Esta última xornada, que rematará cun relatorio-concerto protagonizado pola Asociación Berros do Castro, acollerá así mesmo as presentacións doutras catro publicacións: A requinta adobada de Alexandre Cadarso ‘Cano’, Para cantar veño eu! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos de Rafael Quintía, O cancioneiro de Cabana de Bergantiño de Olga Kirk e Pablo Díaz e Caderno 20:24. Estudos tonais para gaita de fol de David Bellas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-12-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES