Notas de prensa

Economía reforzará a presenza de empresas galegas nos Emiratos Árabes

Máis de medio cento de empresas galegas teñen clientes nos Emiratos, rexistrando unhas exportacións que roldaron os 51 millóns de euros en 2011. Entre as empresas galegas establecidas nos Emiratos Árabes Unidos figuran Televés, Finsa, Blue:sens, Islas Industries, Inditex e outras empresas do téxtil.

A Consellería de Economía e Industria aposta por ampliar e consolidar a presenza dos produtos e das empresas galegas nos Emiratos Árabes Unidos, que acollen algunhas das plataformas loxísticas principais do comercio exterior a nivel mundial e que constitúen un dos principais centros de negocio no Golfo Pérsico.

Ese é un dos obxectivos fundamentais dos encontros que está a desenvolver o director xeral do Igape, Javier Aguilera, nos Emiratos Árabes Unidos, no marco dunha axenda que inclúe reunións con directivos da Jebel Ali Free Zone de Dubai, a terceira plataforma loxística mundial polo seu volume de reexportacións, e das autoridades portuarias do emirato de Ras Al Khaimah. Tamén prevé participar no Global Arab Business Meeting, que se desenvolve estes días neste mesmo emirato.

O director xeral do Igape está a manter diversos encontros con representantes de diferentes grupos empresariais dos Emiratos e aproveitará para presentar Galicia como un territorio idóneo para acoller investimentos estranxeiros, e con grandes portos preparados para servir como plataformas loxística de interese para os principais axentes do comercio internacional cara o resto de Europa ou América.

O responsable do Instituto adscrito á Consellería de Economía e Industria coincidirá en algúns destes encontros de negocios nos Emiratos Árabes con directivos das empresas galegas Arteixo Telecom e Formato Verde-TNL, que están a iniciar ou a consolidar a súa entrada neste mercado, onde exportan ou teñen exportado máis de medio cento de empresas galegas. Entre as empresas galegas establecidas nos Emiratos Árabes Unidos figuran Televés, Finsa, Blue:sens, Islas Industries, Inditex e outras empresas do sector téxtil.

En 2011, Galicia rexistrou exportacións a Emiratos Árabes Unidos por importe de case 51 millóns de euros, mentres que as importacións ascenderon a pouco máis de cinco millóns. Entre os produtos máis exportados por Galicia a este mercado figuran as prendas de vestir, aparatos e material eléctrico, madeira a as súas manufacturas, máquinas e aparellos mecánicos, e manufacturas da pedra.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-12-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES