O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reivindicou no acto de sinatura do Protocolo de adhesión das organizacións empresariais á Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET), un orzamento europeo forte que permita vertebrar os esforzos e resultados acadados pola cooperación territorial.
Gamallo lembrou a importancia e os bos resultados que a cooperación transfronteiriza ten permitido acadar aos territorios de fronteira en xeral, e a á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal en particular, e destacou que, para garantir o éxito neste ámbito, un primeiro paso ineludible é que todas as institucións que queren realizar actuacións de cooperación transfronteriza, sumen esforzos e cooperen entre si.
No momento en que se está a negociar o novo orzamento comunitario, o director xeral reivindicou a importancia da cooperación territorial, como vehículo de cohesión e impulsor de progreso e incidiu en que Galicia aposta por un orzamento comunitario forte que permita seguir desenvolvendo políticas de crecemento económico e de creación de emprego.
Así mesmo, recordou que Galicia tamén impulsou e apoiou a creación dunha rede de seguridade da que se beneficiaría a comunidade, malia exceder o 90 por cento do PIB medio comunitario, e agardou que esta rede de seguridade se manteña cando se consiga o acordo final e permita a Galicia seguir a fondos europeos no vindeiro período.
Eurorrexión
En calquera caso, de cara a este novo escenario financeiro, a rexión Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal preséntase co aval das cousas ben realizadas e ben xestionadas, con novas ideas, con proxectos adecuados, nos sectores que as institucións comunitarias consideran prioritarios, e á vez que poidan ser xeradores de valor engadido, que fomenten a innovación e o emprego.
Para acadar estes obxectivos, estase a elaborar un Pacto polo Planeamento conxunto do Financiamento Comunitario, que implicará a programación conxunta das prioridades e dos proxectos que poidan ser financiables con cargo a fondos comunitarios no novo período 2014-2020.
Previsiblemente no novo escenario será esencial a concentración temática en áreas financiables, a especialización intelixente, baseada na enerxía e na sostenibilidade, o que implica necesariamente priorizar, pero tamén tratar de agrupar os recursos. En consecuencia, será necesario consensuar estratexias, identificar temas comúns e centrarse nos temas craves para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que queremos condensar no coñecemento e na proximidade.
Competitividade e emprego
Neste senso, Gamallo destacou que, de cara ao novo marco financeiro, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal centrarase, por unha banda, en todos aqueles factores que xeren economías de escala e que permitan mellorar a nosa competitividade, como o fomento do autoemprego, a innovación intelixente e as novas tecnoloxías, ou a enerxía e o turismo como xeradores de riqueza.
E por outra, na consolidación dun verdadeiro espazo público eurorrexional, dun espazo compartido e achegado aos cidadáns, para que a Eurorrexión sexa percibida pola cidadanía como un instrumento útil e eficaz que mellora a par súa calidade de vida e garante un futuro sustentable para as novas xeracións.
Isto implica o deseño e a implementación de fórmulas, métodos e medios para un diálogo permanente e creativo, non só institucional, senón social, empresarial e cidadán, que termine dando como resultado froitos e realizacións sucesivas, concretas e, sobre todo, conxuntas. Unha boa mostra deste tipo de actuacións é a sinatura do Protocolo de integración das organizacións empresariais na RIET.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.