O grupo parlamentar do BNG, a través das súas deputadas Ana Pontón e Montse Prado, quer denunciar a cobertura informativa feita pola TVG do debate de investidura de Feijóo, pois obviou retransmitir en directo a valoración dos distintos voceiros.
As deputadas nacionalistas rexistraron unha iniciativa preguntando polas razóns que levaron á dirección da CRTVG a non efectuar a dita retransmisión, un feito sorprendente que contrasta co funcionamento habitual de calquera televisión pública en debates destas características.
Lamentamos engaden- que a dirección da CRTVG siga mantendo unha liña de actuación que claramente está situada na ocultación da pluralidade da sociedade galega, funcionando como un apéndice ao servizo do goberno e do PP.
Para as parlamentares, o acontecido hoxe co debate é unha clara vulneración da legalidade vixente e das obrigas que ten un medio público de funcionar baixo parámetros democráticos.
Asemade, Pontón e Prado advirten de que este tipo de prácticas tamén danan a credibilidade e valoración social que teñen os cidadáns da Compañía de titularidade pública.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.