
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, garantiu a David Cal o apoio incondicional da Xunta de Galicia para os vindeiros Xogos Olímpicos de Río 2016. En Galicia terás todo o que necesites para ir a Río. A Xunta de Galicia, o deporte galego, estará contigo, aseguroulle Lete ao padexeiro de Cangas do Morrazo, o deportista español con máis medallas olímpicas.
O secretario xeral para o Deporte asistiu á presentación do libro David Cal, 100 días para la historia, escrito polo adestrador de David Cal, Suso Morlán, que narra os adestramentos e sensacións do deportista galego nos cen días previos á regata do 8 de agosto de 2012, na que acadou a súa quinta medalla olímpica nos Xogos Olímpicos de Londres 2012.
Lete Lasa avanzou que este apoio institucional á preparación de deportistas como David Cal e, de forma extensiva, a todo o deporte galego de alta competición, se canalizará a través do programa Galicia-Río 2016, e mediante a posta en marcha de accións de formación avanzada para que os adestradores dos mellores deportistas galegos transmitan os seus coñecementos a todos os técnicos deportivos de Galicia.
Así, avanzou o compromiso de Suso Morlán, cuxo libro a Xunta publicará en galego, de enviar á secretaría xeral o seu programa de adestramento de todo o ciclo olímpico para trasladarllo ás universidades de Galicia. Queremos que o teu coñecemento chegue ás universidades galegas. Os adestradores actuais e do futuro deben coñecer un modelo de indubidable éxito, enfatizou.
David Cal forma parte do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) desde os 14 anos e, actualmente, é o padexeiro con máis medallas individuais de todo o mundo: un ouro en Atenas 2004, en C1 de 1.000 m., e catro pratas. En todas as regatas nas que competiu, nas súas cinco participacións olímpicas, obtivo medalla. A última, en Londres, ao quedar segundo na proba de C1 de 1.000 metros.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.