O presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a Estratexia Galega de Acuicultura permitirá planificar o camiño polo que debe discorrer esta actividade en Galicia ata 2030 en todos os seus termos: na adecuación territorial e na planificación dos espazos nos que se desenvolve a acuicultura, para o que o Plan Director da Acuicultura Litoral xa conta coa súa aprobación inicial; na aplicación formativa, coa docencia impartida no Instituto Galego de Formación en Acuicultura; na expansión comercial, insertando os produtos no Plan estratéxico de Comercialización de produtos do mar; e no fomento do I+D+i, desenvolvendo un Plan Galego de I+D+i en acuicultura apoiado nos nosos centros investigadores de experiencia contrastada.
Durante a apertura da Conferencia Internacional de Acuicultura, organizada pola Comisión Europea, o Ministerio de Agricultura e a Xunta, Feijóo subliñou que esta planificación non estaría completa se non se acompaña do estímulo económico necesario. De feito, hoxe, somos un pouco máis competitivos e recuperamos, pouco a pouco, o dinamismo da actividade grazas ao apoio outorgado á inversión do sector polo Fondo Europeo da Pesca, que permitiu xerar axudas por valor de 80 millóns de euros, que, a súa vez, permitiron poñer en marcha a primeira planta acuícola desde 2005.
O presidente do Goberno galego avogou por seguir traballando, desenvolvendo activa e practicamente a Estratexia Galega da Acuicultura, con especial atención á redacción consensuada- e aprobación da primeira lei de acuicultura de Galicia. Sabemos que os pasos e os froitos obtidos un aumento de máis de 4% en produción e dun 8% en facturación- non deben facernos pensar que o traballo xa está feito; pola contra, o noso compromiso é seguir traballando e seguir traballando mellor.
Así mesmo, incidiu en que este desexo de impulso, compartido co Goberno de España e a Comisión Europea, ten como fin recuperar o dinamismo e a puxanza da nosa acuicultura, pero non de calquera maneira, senón que terá que ser, necesariamente sostido e sostible, tanto en termos ambientais, especialmente na integración paisaxística, como sociais e económicos; ao que engadiu que este impulso debe ser realizado de forma unida entre sector e administración.
Feijóo lembrou que Galicia é a primeira rexión da Unión Europea en contar cunha planificación estratéxica. Galicia é unha terra que foi pioneira e quere seguir sendo líder no eido da acuicultura. Producimos máis de 232.000 toneladas de produtos de acuicultura; e xeramos máis de 6.000 empregos de forma directa. As rías non serían as rías galegas se non tivesen máis de 3.300 bateas nas súas augas. E as nosas costas non serían un lugar puxante en termos socioeconómicos sen a inxección de riqueza que esta actividade deixa, día a día, no noso sistema produtivo, salientou.
Por último, o titular da Xunta concluíu subliñando os dous conceptos polos que Galicia apostou claramente para mellorar o seu futuro: Europa e acuicultura. Apostamos por Europa, e, máis concretamente, por un futuro en común na pesca e na acuicultura. E a este respecto, fixemos e imos seguir facendo os nosos deberes ante as reformas en cernes: mantivemos numerosos encontros co sector e cos grupos políticos con representacións parlamentaria... Formamos un grupo de traballo do que xurde un ditame único que presentou Galicia sobre a reforma da Política Común de Pesca...Aprobamos ese ditame por unanimidade de todos os sectores e da administración pública, no Consello Galego de Pesca...E elaborouse, da man de expertos universitarios, unha análise xurídica e de opinión sobre a proposta da UE que serviu de base á nosa postura.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.