Notas de prensa

Concedidos sete galardóns á excelencia creativa e difusión cultural en 2012

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2012 outorga sete galardóns á excelencia creativa e á difusión cultural a: Salvador García Bodaño, Manuel Quintana Martelo, Airiños, Fundación Eduardo Pondal, Asociación Internacional Estudos Galegos en Promoción Cultural de Galicia, Manuel Rodeiro e Miguel Anxo Fernández.

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2012, presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad, determinou na reunión celebrada na Cidade da Cultura de Galicia os sete premiados que recibirán os galardóns en recoñecemento do seu labor nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural, Promoción Cultural de Galicia, Música e Creación Audiovisual.

Os gañadores da edición 2012 foron Salvador García Bodaño na categoría das Letras; Manuel Quintana Martelo na modalidade das Artes Plásticas; o grupo de teatro Airiños (Rianxo) na das Artes Escénicas; a Fundación Eduardo Pondal en Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural; a Asociación Internacional Estudos Galego en Promoción Cultural de Galicia; Manuel Rodeiro en Música; e Miguel Anxo Fernández no apartado de Creación Audiovisual.

A Xunta de Galicia convoca estes premios anuais co fin de recoñecer o labor de persoas e institucións que traballan nos distintos ámbitos da creación, da conservación e da posta en valor do patrimonio cultural, así como da actualización e difusión do noso capital creativo galego. Os galardoados recibirán como premio unha escultura realizada polo artista ourensán Xosé Cid.

Traxectorias premiadas

Na categoría de premio Cultura Galega das Letras o galardón recaeu en Salvador García Bodaño, a quen se lle recoñeceu unha calidade literaria que o sitúa como un dos máis destacados poetas vivos da xeración dos 50, ademais da súa activa participación en diversas iniciativas culturais.

No apartado das Artes Plásticas, Manuel Quintana Martelo foi distinguido pola calidade da súa obra e compromiso coa pintura, así como a súa implicación en diversos proxectos culturais para ampliar a presenza das artes plásticas galegas. O artista formou parte de Atlántica e expuxo en prestixiosos museos e galería de diversos países.

O grupo de teatro Airiños, de Rianxo, foi o premiado na categoría das Artes Escénicas polo traballo desenvolvido desde a súa creación, no ano 1933, que o converte na máis lonxevo de Galicia. Así, ao longo de catro xeracións, esta iniciativa veciñal vén sendo protagonista da construción dunha creatividade escénica de raíz popular desde o ámbito local.

Na modalidade de Premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural o galardón recaeu na Fundación Eduardo Pondal, pola súa ampla e constante programación participativa arredor das letras galegas, desenvolvida coa implicación de entidades, axentes culturais e veciños da terra natal do escritor que lle dá nome á fundación.

O premio á Promoción Cultural de Galicia foi para a Asociación Internacional de Estudos Galegos, entidade creada na década de 1980 na costa leste dos Estados Unidos co obxectivo de difundir por todo o mundo a cultura e a lingua galegas. Desde entón, a AIEG impulsa e desenvolve o seu labor, principalmente, no terreo académico e universitario.

Manuel Rodeiro mereceu o recoñecemento do xurado na categoría de Música polo seu labor de referencia na creación sonora contemporánea. Compositor, crítico, xestor e pedagogo, Rodeiro dirixiu o departamento de Música do Centro Galego de Arte Contemporánea, foi fundador da editorial musical Música Nueva e do conxunto instrumental Cámara XXI.

Na categoría de Creación Audiovisual, o galardón recaeu este ano en Miguel Anxo Fernández, crítico audiovisual, escritor e autor de numerosas publicacións de temática cinematográfica. Na súa ampla traxectoria vinculada ao audiovisual, foi impulsor de numerosas iniciativas destinadas á promoción do cine galego.

O xurado

O conselleiro de Cultura e Educación en funcións, Xesús Vázquez, presidiu o xurado da edición 2012 dos premios, do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long; Francisco Díaz Fierros, en representación do Consello da Cultura Galega; Xosé Henrique Coas González e Goretti Sanmartín Rei, en representación das universidades de Vigo e da Coruña, respectivamente; e Ramón Yzquierdo Perrín, en representación da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.

Completaron o xurado catro persoas de prestixio no ámbito cultural como son o escritor Luís González Tosar, o artista plástico Antón Pulido, a cineasta e produtora Fernanda del Nido e o editor e escritor Henrique Alvarellos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-11-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES