Notas de prensa

Entréganse en Expourense os premios ás cinco empresas galegas líderes en calidade

Coincidindo co Día Mundial da Calidade 2012, Galicia Calidade patrocina unha xornada, única na Comunidade autónoma, que está enmarcada dentro da XVIII Semana Europea que se celebra baixo o lema “Xuntos chegamos”.

Con motivo da XVIII Semana Europea da Calidade que se celebra baixo o lema “Xuntos chegamos” Expourense organizou, coincidindo co Día Europeo da Calidade, un acto central en Galicia.
Esta Xornada estivo centrada na importancia da transformación das empresas e dos traballadores como paso fundamental para facer fronte ao contexto empresarial actual. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou nesta xornada de exaltación da calidade, patrocinada polo Goberno galego a través de Galicia Calidade, un selo de garantía que conta con 46 empresas asociadas e máis de 200 produtos amparados, que ademais de certificar a súa calidade e a súa orixe, ofrécenlle ao consumidor innovación e diferenciación coa competencia.

Martínez felicitou a Expourense pola organización desta actividade que tivo como obxectivo principal difundir a aposta pola calidade como unha filosofía que convén aplicar a todas as áreas da actividade empresarial e nas relacións con provedores, colaboradores e cliente final. O delegado territorial salientou, na súa intervención, “a importancia de sumarse a modelos de xestión baseados na calidade que non só reforzan a competitividade dunha empresa, senón que ademais melloran o proceso produtivo, eliminan custos, conseguen unha maior implicación dos traballadores e elevan os índices de satisfacción de clientes e usuarios....e isto é positivo para todos” .

II Premios Líderes en Calidade

Rogelio Martínez participou no acto de entrega de premios ás empresas distinguidas como líderes en calidade. Por segundo ano consecutivo e coincidindo con esta Xornada de Exaltación da Calidade, quíxose recoñecer a traxectoria de cinco empresas pertencentes a sectores que preocupan ao cidadán como a alimentación, a sanidade, a educación ou o medioambiente, pero tamén temas que inquietan ao empresario como é a internacionalización, nun momento no que contar con modelos de xestión convértese nun requisito case imprescindible á hora de exportar o produto. Todas as empresas seleccionadas son líderes nos seus sectores, contan con sistemas de xestión e destacan polo seu compromiso coa Calidade e co Medio Ambiente.

As empresas galardoadas son:

- Sector Agroalimentario: Lugar Daveiga S.L. (Chantada).
- Sector Sociosanitario: Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).
- Educación: Colexio de Santa Teresa de Jesús - Carmelitas de Ourense.
- Aposta polo Medio Ambiente: Hijos de Rivera (A Coruña).
- Aposta pola Internacionalización: Serviguide (A Coruña).

O máximo representante do Goberno galego en Ourense felicitou ás entidades galegas distinguidas este ano como líderes en calidade e asegurou que “as experiencias que compartiron hoxe animarán a outros empresarios a seguir modelos de xestión de calidade e ambiente, dinamizando o tecido empresarial galego”.

Con esta actividade, Expourense súmouse á serie de actos organizados a nivel estatal con motivo desta Semana Europea, sendo o único celebrado en Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-11-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES