O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou de que o Goberno galego leva pagados nos últimos dous meses case 1.500 millóns de euros en facturas e especificou que se deu prioridade ás procedentes de autónomos, pequenas e medianas empresas e entidades sociais. Segundo un informe levado ao Consello da Xunta, pagáronse exactamente 1.486 millóns de euros nos últimos 75 días. Iso significa que formalizamos case 20.837 pagamentos desde agosto cun importe global que equivale ao 2,6% do PIB galego, é dicir, case 1.500 millóns de euros, especificou o presidente, que subliñou tamén que Galicia atende as súas facturas no entorno dos 45 días.
Segundo o presidente, estes datos reflicten que o pagamento a provedores foi un constante obxectivo e compromiso da Xunta durante esta lexislatura e recalcou que avalan a Galicia como a comunidade máis solvente de España. Podo dicirlles que Galicia ten atendido todas as súas obrigas nos prazos razoables desde o principio ao final da lexislatura, dixo Feijóo, aínda que advertiu que ter as contas en regra non é un obxectivo en si mesmo senón o mecanismo necesario para poder pagar aos provedores e seguir tendo crédito.
O presidente da Xunta subliñou así mesmo que Galicia é a única que se moveu no entorno de estabilidade presupostaria no ano no ano 2009, no ano 2010, no ano 2011 e no ano 2012 tal como acreditan os órganos competentes como a Administración Xeral do Estado, a Intervención Xeral do Estado, o Ministerio de Facenda e o Consello de Política Fiscal e Financeira.
En relación aos datos do informe de tesouraría presentado pola Consellería de Facenda, nos últimos meses formalizáronse 446 millóns de euros para entidades sociais, 87 millóns de euros para limpar todos os pagos que estiveran antes do 1 de setembro, e 126 millóns de euros destinámolos a pagar facturas por importes iguais ou inferiores a 150.000 euros, explicou o presidente, quen insistiu en que os que teñan facturas ata 25 millóns de pesetas (150.000 euros) na Xunta de Galicia acaban de cobrar nada máis e nada menos que 8.847 contabilizadas á data de 18 de outubro.
O presidente da Xunta sinalou que Galicia sigue tendo crédito e seguimos financiándonos con normalidade sen vernos afectados pola prima de risco que afectou a España nos últimos meses con especial virulencia. Lembrou que mentres comunidades autónomas con PIB máis elevados e de maior poboación están acudindo ao fondo de rescate do Goberno central, Galicia acaba de colocar o 18% da súa débeda pública nas últimas tres semanas, 200 millóns de euros entre bancos españois e bancos europeos.
Somos a única autonomía do sistema xeral de financiamento -excluídas o País Vasco e Navarra- que non acudiu nin os 35.000 millóns de provedores que puxo a disposición o Goberno Central para as comunidades que non podían pagar, nin ao fondo de liquidez que está poñendo o Goberno Central para as comunidades que seguen sen poder pagar, sentenciou.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.