Notas de prensa

Preséntanse en San Sebastián producións do audiovisual galego e Códices

“Un proxecto expositivo irrepetible que reúne doce xoias da produción documental da Igrexa durante a Idade Media”. Así foi calificada a exposición Códices. Xoias das catedrais galegas na Idade Media, presentada en San Sebastián onde también se proxectan producións audiovisuais galegas.

A nova exposición da Cidade de Cultura de Galicia, Códices. Xoias das catedrais galegas na Idade Media, foi presentada na Casa de Galicia en San Sebastián, nun acto que estivo presidido polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Co obxectivo de difundir esta excepcional mostra fóra de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria deu a coñecer en San Sebastián este proxecto expositivo, que será inaugurado no Museo Centro Gaiás o xoves 27 de setembro.

A presentación correu a cargo do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen cualificou a mostra como “unha exposición irrepetible con doce xoias da produción documental da Igrexa na Idade Media que se lle amosan ao público en todo o seu esplendor”.

Segundo explicou Anxo Lorenzo, que estivo acompañado polo presidente da Casa de Galicia, José Ramón Varela, “a exposición ofrece un percorrido polo coñecemento e o gozo do noso patrimonio; unha oportunidade única para se achegar a doce dos grandes tesouros librescos da Galicia medieval, doce pezas que de maneira excepcional chegan á Cidade da Cultura procedentes dos arquivos da catedrais galegas, onde foron conservados durante séculos”.

A Cidade da Cultura acolle con esta mostra os tesouros bibliográfico-documentais das catedrais de Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago e Tui, “xoias que a Igrexa leva séculos custodiando e que amosan a riqueza cultural e o esplendor dos séculos medievais na Península Ibérica”, asegurou o secretario xeral.

Unha mostra única

Códices tamén explora unha época dun grande esplendor artístico, cultural e patrimonial como é a Idade Media.Trátase, polo tanto, segundo declarou Anxo Lorenzo, “dunha mostra única polo valor incalculable das pezas que reúne, nunca ata agora expostas xuntas, pero igualmente polo tempo da historia de Galicia ao que nos transporta”.

A exposición propón un convite a retroceder ao tempo dos pergamiños, das miniaturas, dos manuscritos e da chegada da imprenta a Galicia; unha viaxe polas principais mostras de códices e libros medievais entre os séculos X e XV, con exemplares únicos en Europa, como o Códice Calixtino e os diversos tombos, o primeiro libro impreso en Galicia, caso do Misal Auriense, ou magníficas copias miniadas, como a Legenda Maior ou o Pasionario Tudense.

A Cidade da Cultura acolle o xoves 27 de setembro a inauguración da mostra, que pode visitarse no Museo Centro Gaiás.

Apoio ao audiovisual galego no festival de cine donostiarra
A Consellería de Cultura e Educación está presente no LX Festival Internacional de Cine de San Sebastián para apoiar as producións galegas Los increíbles e Operación E, seleccionadas respectivamente para competir nas prestixiosas seccións Nuevos Directores e Zabaltegi, paralelas á Sección Oficial.

O secretario xeral de Cultura participou este mediodía no acto de promoción do cine galego celebrado no edificio do Kursaal e que foi organizado a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). Logo do encontro desta tarde con representantes de ANCINE (Agência Nacional de Cinema do Brasil), Anxo Lorenzo ten previsto asistir, ás 21:30 horas, ao pase do filme Operación E, que se amosa dentro da sección Zabaltegui-Especiales, concibida polos organizadores do festival para acoller unha selección de propostas moi variada, sen distincións de normas, xéneros ou duracións e nas que prevalece un alto interese cinematográfico.

A Consellería de Cultura e Educación apoia aos profesionais e as creacións audiovisuais galegas presentes no 60º Festival de Cine donostiarra

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mostrou o seu apoio aos profesionais das creacións audiovisuais galegas que están presentes na 60ª edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián. Así, e en representación do conselleiro, Xesús Vázquez Abad, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou hoxe en San Sebastián no acto de promoción organizado para o fomento do audiovisual galego dentro do programa do Festival. O obxectivo da iniciativa foi apoiar as producións galegas Los increíbles e Operación E, que compiten nas seccións Nuevos Directores e Zabaltegi, paralelas á Sección Oficial.

O secretario xeral de Cultura asistiu este mediodía á recepción para a prensa especializada e os profesionais acreditados no festival, que se celebrou no edificio do Kursaal e que foi organizada a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) coa colaboración do IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica).

O cine galego foi o protagonista do acto, no que o secretario xeral de Cultura destacou “a aposta pola internacionalización do audiovisual galego como o camiño de futuro do sector”. “Iniciativas coma esta –engadiu–, onde conflúen produtores, actores e axentes do ámbito empresarial son francamente positivas para avanzar na busca deses mercados exteriores”. Tamén participaron no acto a directora-xerente da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, e o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Mourelos.

Proxeccións galegas

Os dous filmes galegos a concurso nesta edición do festival donostiarra ofrecerán cadanseus 4 pases en distintos espazos do certame, algún deles reservados a xornalistas de prensa especializada. Así, onte luns foi proxectada Los Increíbles, unha longametraxe documental coproducida pola empresa galega Frida Films e a catalá Salto de Eje.
A fita, que se amosa de novo hoxe e o día 27 (ambos ás 16:00), forma parte da sección Nuevos Directores, competición internacional de primeiras ou segundas obras, todas elas exemplo da produción cinematográfica mundial máis recente e inédita. O premio está dotado con 90.000 euros destinados ao director e ao distribuidor da película en España.
Escrita e dirixida por David Valero, ofrece un percorrido polo día a día de tres heroes cotiáns que sofren as adversidades da vida e que loitan contra os máis terribles inimigos: a morte, o desamor e a soidade.

Presentación de Operación E

Tamén hoxe á tarde (16.30 e 21.30 horas), así como os próximos días 27 e 29, teñen lugar os visionados de Operación E, que se amosa dentro da sección Zabaltegui-Especiales, concibida polos organizadores do festival para acoller unha selección de propostas moi variada, sen distincións de normas, xéneros ou duracións e nas que prevalece un alto interese cinematográfico.

Trátase dunha coprodución hispano-francesa, na que a empresa galega ZircoZine participa xunto con Tormenta Films e Ajoz Films, e que conta coa colaboración de TVE, Canal + Francia e o apoio do ICAA (Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales). O filme está dirixido polo hispano-francés Miguel Courtois Paternina, realizador de GAL e Lobo, de novo cun guión asinado por Antonio Onetti. O protagonista é o actor galego Luís Tosar, quen da vida a un campesiño colombiano nun papel novidoso dentro da súa filmografía.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-09-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (112-4.jpeg) O 112 Galicia rexistra os seus picos de emerxencia durante as tardes e noites de verán. Os meses estivais traen consigo un cambio nos hábitos da poboación galega: días máis longos, noites máis activas e un aumento significativo das incidencias xestionadas polo 112. Segundo os datos, as franxas horarias con maior demanda son as 15:00 e as 20:00 horas, coincidindo cun estilo de vida máis intenso e prolongado durante o verán. En 2023, o servizo rexistrou medias de 1.300 intervencións entre as 15:00 e as 16:00 horas, e case 1.500 (1.484) entre as 19:00 e as 20:00 horas durante xuño, xullo e agosto. Aínda que en 2024 houbo un descenso global de incidencias (233.289 anuais), estas franxas mantiveron cifras elevadas: máis de 1.000 chamadas á tarde e 1.200 á noite no mesmo período.
Foto de la tercera plana (incendios-camions.jpeg) O Goberno galego incrementará o orzamento destinado á formación do persoal dos servizos de prevención de incendios forestais ata os 1,8 millóns de euros no bienio 2025-2026, o que supón un 19% máis que no período anterior. Esta medida enmárcase no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), cuxo obxectivo é minimizar o impacto ecolóxico, económico e social dos lumes, optimizando os recursos dispoñibles. O compromiso formativo da Consellería do Medio Rural xa se reflectiu en 2024, cando se impartiron 473 cursos con 11.447 participantes e máis de 108.000 horas de adestramento.

Notas

A revista científica Nature publica un achado fundamental para comprender a prevalencia da materia sobre a antimateria que existe desde as orixes do universo. O artigo, asinado polo equipo do experimento LHCb do CERN no que participa o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (USC), abre unha nova vía na procura de física máis alá do Modelo Estándar, a construción máis completa que a ciencia conseguiu ofrecer ata agora para explicar o universo.
Aínda que o descubrimento remóntase ao ano 2021, non foi ata onte cando a revista Archaeological and Anthropological Sciences publicaba o achado realizado por integrantes do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo, que hai anos traballan no xacemento ourensán de Arema, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), do primeiro trilobite confirmado da época romana.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES