
"A quiralidade é unha propiedade xeométrica que está presente en incontables aspectos das nosas vidas como as galaxias, as nosas mans ou o ADN, sinalou, na apertura do encontro o profesor Liz-Marzán, que considera un orgullo poder contar coa presenza de especialistas internacionais que representan diferentes temas en torno a esta fascinante propiedade. Pola súa banda, Miguel Correa, director do CINBIO, subliñou a importancia desta cuarta edición por contar con maior presenza nacional e un maior número de relatorios o que sustenta o crecemento exponencial deste evento, sinalou.
A vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio, foi a encargada, en nome do reitor, Manuel Reigosa, de dar a benvida ás persoas asistentes, ao tempo que puxo en valor a celebración dun evento coma este, que fomenta a colaboración e potencia a creatividade no ámbito científico, dixo.
Cinco relatorios na primeira sesión
Once expertos e expertas nos eidos da nanociencia, a nanomedicina e a nanoquímica conforman este ano o panel máis extenso de participantes da historia do encontro. Tras o acto de apertura, Maurizio Prato, investigador do CIC biomaGUNE, foi o primeiro en participar cunha charla sobre quiralidade supramolecular, e, ao longo da tarde, sucederanse as intervencións de Joaquín Castilla, do CIC bioGUNE, que falará sobre o código priónico e Gustavo Bodelón, do CINBIO (Universidade de Vigo), que se centrará nos amiloides bacterianos. Mentres, o investigador Ventsislav Valev, da Universidade de Bath, participará cun relatorio sobre dispersión quiroóptica non lineal para fotoquímica e Robin Girod, investigador da Universidade de Antwerp, ofrecerá a última ponencia do día centrada na tomografía electrónica de nanopartículas quirais.
A clausura, mañá pola tarde
O encontro continuará mañá mércores pola tarde coa participación de Nùria López, investigadora do ICIQ de Tarragona; José M. Taboada, da Universidade de Extremadura e Wiebke Albrecht, desde o AMOLF de Amsterdam. Xunto a eles, o director do CINBIO e investigador principal do grupo TeamNanoTech, Miguel Correa, centrará o seu relatorio na fotocatálise.
Dous expertos, habituais desta cita internacional, como son Nicholas Kotov, investigador da Universidade de Michigan e, desde 2023, doutor honoris causa da Universidade de Vigo, e o tamén investigador da Universidade de Michigan, Joerg Lahann, cunha ponencia sobre nanofibras quirais, serán os encargados de pechar a cuarta edición de The Thinking Institute.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.