Notas de prensa

Máis de 900 especialistas en ecoloxía de 20 países abordan en Pontevedra como impulsar 'unha ciencia máis xusta'

Desde o luns ata o venres 6, máis de 900 profesionais da Ciencia Ecolóxica procedentes de máis de 100 institucións de 20 países diferentes participan en Pontevedra no III Congreso da Sociedade Ibérica de Ecoloxía (SIBECOL) e o XVII Congreso Nacional da Asociación Española de Ecoloxía Terrestre (AEET). Este ano, desenvólvense coa colaboración das Universidades de Santiago e de Vigo, o CSIC, a Misión Biolóxica de Galicia, o Concello e a Deputación de Pontevedra.

O evento vai moito máis aló dos datos e as gráficas, onde se vai debater e cuestionar o modo tradicional no que se viu facendo a ciencia ata agora, na cal “reproducimos os mesmos problemas e lóxicas do poder: xerarquías, elitismo, invisibilización ou desigualdades de xénero e de clase”, segundo afirma Sobral, ecóloga e profesora de Xeografía na USC, co organizadora e coordinadora do comité científico do Congreso.

Será, por tanto, un encontro científico convertido nun laboratorio de prácticas e ideas sobre novos enfoques de facer ciencia, que incorporan visións adaptadas á realidade actual, como o feminismo que promove metodoloxías máis participativas e coidadosas; a sostibilidade enfocada a reducir o impacto ecolóxico das prácticas académicas e a investigación; o decrecemento que dá prioridade á calidade; ou a ciencia comunitaria que fomenta a participación da sociedade na investigación científica.

A inauguración tivo lugar este luns no auditorio del Pazo da Cultura de Pontevedra, e contou coa participación da vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo Barrera; un acto de apertura tralo que tivo lugar a entrega dos premios AEET, un dos cales - o Premio ‘Contribución á diversidade e a inclusión na academia’- foi precisamente para Mar Sobral. Esta entidade científica quere así recoñecer “a intensa actividade e compromiso en tarefas de fomento e defensa da igualdade e diversidade en ciencia” da investigadora do Idega da USC, editora xefe asociada da revista internacional Ecological Monographs e co editora xefe da revista nacional Ecosistemas.

Para o xurado, a “intensa actividade” de Sobral inclúe coordinación e participación en blogs e podcasts, organización de obradoiros e comisións de igualdade e o desenvolvemento de medidas en materia de igualdade e diversidade. Tamén destacan o seu labor na posta en marcha de actividades de innovación docente e a publicación de varios traballos sobre muller e investigación.

O congreso

O programa deste Congreso inclúe 750 presentacións, 49 sesións científicas, 13 relatorios principais e 9 obradoiros, nas que se abordarán todos os aspectos da investigación en ecoloxía, desde a interconexión entre ecoloxía e evolución ata o uso da intelixencia artificial na ecoloxía ou o impacto da investigación nas políticas públicas. A cita contempla ademais charlas sorpresa sobre temas transversais e directamente relacionadas co lema do congreso, como por exemplo o acoso laboral, e actividades para chegar a outros públicos, que contarán cunha exposición de ilustradores científicos, diversas visitas de escolares e actividades de divulgación.

A cita reúne de novo dúas asociacións (SIBECOL e AEET) que desde hai anos traballan conxuntamente para crear pontes entre disciplinas (o terrestre, o mariño e o limnolóxico) y para que “a investigación no campo da ecoloxía signifique tamén coidar da contorna académica e de quen o habitan”, explica Isabel Reche, catedrática de Ecoloxía na Universidade de Granada e presidenta da SIBECOL. Ambas sociedades promoveron comités de igualdade e diversidade, premios para novo persoal investigador, á diversidade, á divulgación e á ciencia aberta, porque segundo apunta Ainhoa Magrach, profesora Ikerbasque do Centro Vasco de Cambio Climático (BC3) e presidenta da AEET, “nun mundo marcado pola división e a incerteza, debemos construír unha ciencia colaborativa, plural e comprometida, só así poderemos xerar coñecementos capaces de responder aos grandes problemas ambientais e sociais que enfrontamos”.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-06-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES