
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, respaldou no Salón Internacional do Automóbil en Hannover o lanzamento mundial dos novos modelos de furgoneta eléctrica Partner Galicia e Berlingo Galicia, que PSA Peugeot Citroën fabricará integramente en Vigo e que servirán para promocionar por todo o mundo a comunidade.
Guerra, que recordou o apoio e a aposta constante polo sector da automoción por parte da Xunta, que destina ao proxecto presentado hoxe 10,7 millóns de euros por medio do Igape, destacou no encontro da automoción máis importante do mundo a innovación e a capacidade tecnolóxica da industria galega.
Tamén salientou o conselleiro que estes modelos supoñen un fito na promoción económica e turística da comunidade a nivel internacional, asociando a marca Galicia a unha tecnoloxía innovadora e con futuro, a da electromobilidade, o que, tal e como valorou Guerra, lle permitirá avanzar no seu posicionamento a nivel mundial como destino turístico e permitirá proxectar e acentuar a imaxe de calidade das empresas galegas na súa apertura a novos mercados.
Neste sentido apuntou o conselleiro que Galicia demostra unha vez máis o seu know how industrial e deixou de manifesto o importante respaldo que supón a fabricación destes novos modelos para o centro de Vigo, o máis grande co que conta PSA tanto por produción como por número de traballadores.
O conselleiro lembrou que Galicia é unha comunidade pioneira na automoción, un sector que dá emprego a 30.000 persoas e que é sinónimo de innovación, tecnoloxía e internacionalización, e sinalou que os modelos presentados hoxe son unha mostra da alta tecnoloxía desenvolvida na nosa comunidade.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.