Notas de prensa

A obra pictórica de Vítor Mejuto, en Brión Boogie Woogie na Casa da Parra

A primeira mostra institucional de relevancia do autor reúne unha vintena de óleos e acrílicos representativos da súa prolífica traxectoria recente e fundamental. A partir do construtivismo e o minimalismo, Mejuto desenvolveu unha obra que pode enmarcarse dentro da tradición da chamada abstracción xeométrica.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abriu na Casa da Parra de Santiago de Compostela a exposición da obra pictórica do galego Vítor Mejuto que, baixo o título Brión Boogie Woogie e con comisariado de David Barro, presenta nunha vintena de obras un percorrido pola produción máis recente do autor, así como por algúns dos traballos máis significativos da súa prolífica traxectoria.

O conselleiro Jesús Vázquez Abad participou no acto de apertura e percorreu xunto aos seus responsables as tres salas que estruturan a mostra. O titular de Cultura e Educación destacou que Mejuto representa “a singularidade do creador á marxe de focos e modas; a elección consciente do traballo comprometido” que realiza, engadiu, “ao integrar a arte na súa vida, e viceversa”.

Vázquez Abad describiu ademais o traballo de Mejuto como “unha creación de intersticios, de revelación de lugares secretos, de espazos inéditos no lenzo”. “Hai unha poética da cor, un xeito de traballar no que semella que non pinta, senón que descobre as cores exactas preexistentes no lenzo, que tentan amosarnos o ignoto e descoñecido”, explicou. Declarou tamén que en cada obra de Vítor Mejuto hai unha conciencia singular do espazo e un valor absoluto da forma e a cor.

A selección de óleos e acrílicos que compoñen Brión Boogie Woogie dispóñense nas tres estancias que alberga a Casa Parra a partir da obra El abrazo de la mujer biónica, unha tea de 195 x 195 cm que recibe aos visitantes e dá paso ao resto da colección. A meirande parte dela, datada no presente ano, descubre ao espectador o estilo de cores e formas que caracteriza o traballo de Vítor Mejuto, no que conviven obras de gran tamaño (Blonde on blonde, Orde dórico…) xunto a series (Storyboard, Suite tres x tres..) e pezas máis pequenas (Cinemascope, ou as vinte pinturas de 40 x 40 cm que colgan na sala pequena).

Caligrafía persoal

A partir do construtivismo e o minimalismo como primeiras referencias, Mejuto ten desenvolvido unha obra que pode enmarcarse dentro da tradición da chamada abstracción xeométrica e está baseada nunha caligrafía persoal que ten como principais referencias o método, o cálculo e a intuición. A investigación sobre cores, liñas e conxuntos xeométricos que buscan novas vías de expansión déronlle como resultado a construción de espazos ordenados nos que o debuxo actúa como xerador de ideas que se renovan de forma progresiva.

A exposición compleméntase cun catálogo que, ademais de presentar parte das obras en exposición e outras fotografías, reproduce unha longa e profunda conversa entre David Barro e Vítor Mejuto, así como uns apuntes biográficos sobre o artista.

Con acceso gratuíto, o horario de visitas é de martes a sábado en horario de mañá e tarde, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00, en tanto que os domingos só abre pola mañá. Os días festivos a sala permanece pechada.

Difusión da arte galega

Con esta iniciativa, a Consellería de Cultura e Educación brinda durante 3 meses o espazo expositivo ubicado na compostelá Praza da Quintana para a que constitúe a primeira mostra institucional de relevancia dun dos artistas galegos que se manteñen máis activos nos últimos anos, de modo que se contribúa á difusión e divulgación do seu traballo.

A Casa da Parra, espazo que a Consellería de Cultura e Educación xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) continúa deste xeito coa súa actividade no obxectivo de incidir directamente á promoción das artes plásticas en Galicia e, aproveitando o seu privilexiado emprazamento, favorecer o coñecemento da nosa creación artística entre os numerosos visitantes que recibe Compostela.

Vítor Mejuto

Aínda que nacido en Barcelona en 1969, Vítor Mejuto vive en Galicia desde a súa infancia. Estudou na Facultade de Belas Artes de Salamanca e desde 1995 as súas creacións teñen sido obxecto de distintas exposicións, tanto individuais como colectivas, dentro e fóra de Galicia.

Nos últimos anos conseguiu un alto recoñecemento público a partir da súa participación individual dentro da feira Espazo Atlántico 2010 en Vigo e noutras exposicións, como a levada a cano na galería Atlántica da Coruña. Participou no Salon Réalités Nouvelles de París en 2011 e 2012. En 2011 foi seleccionado polo pintor Patrick Morrisey para a colectiva de pequeno formato Saturation Point (Gallery on the corner, Londres); e este último ano é incluído na colectiva que celebra o V aniversario do proxecto Eduarte de intercambio entre artistas holandeses e españois.

Na actualidade vive no concello de Ames e traballa en Brión, de aí o título da exposición que acollerá a Casa da Parra, que se corresponde ademais cunha das obras expostas. Á parte da súa traxectoria artística como pintor, Vítor Mejuto dedícase profesionalmente ao xornalismo gráfico.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-09-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES