Notas de prensa

Los increíbles e Operación E compiten no Festival de Cine de San Sebastián

“Los increíbles” e “Operación E" compiten, respectivamente e co apoio de Agadic, nas seccións Nuevos Directores e Zabaltegi da 60ª edición do encontro, que se desenvolve do 21 ao 29 de setembro na capital guipuscoana.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estará presente na 60ª edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián para apoiar as producións galegas Los increíbles e Operación E, seleccionadas respectivamente para competir nas prestixiosas seccións Nuevos Directores e Zabaltegi, paralelas á Sección Oficial.

A través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e co apoio do IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica), Cultura e Educación organizará con este fin unha recepción para a prensa especializada e os profesionais acreditados no festival, o único de clase A de todos os que se celebran en España. O acto terá lugar o luns 24 de setembro na sede principal do Kursaal e, como nas anteriores actividades de promoción internacional do cine galego, contará tamén coa colaboración da D.O. Ribeiro.

Encontro profesional Galicia-Brasil

A Agadic promove, ademais, o desprazamento á capital guipuscoana dunha delegación galega, integrada polos representantes dun total de 12 empresas, para participar nun encontro con produtores brasileiros. Esta xuntanza ten como finalidade avanzar nos proxectos que se presentarán ao Fondo de Coprodución Galicia-Brasil, cuxa convocatoria está inicialmente prevista para primeiros do ano 2013. Ao tempo, os produtores galegos terán a oportunidade de participar no Foro de Coprodución Europa-América Latina, que organiza o propio Festival de Cine de San Sebastián.

A primeira das películas galegas a concurso nesta edición do festival donostiarra, Los Increíbles, é unha longametraxe documental coproducida pola empresa galega Frida Films e a catalá Salto de Eje. Escrita e dirixida por David Valero, ofrece un percorrido polo día a día de tres heroes cotiáns (A Dama de Ferro, Á Rota e A Muller Radioactiva), tres persoas que sofren as adversidades da vida e que loitan contra os máis terribles inimigos: a morte, o desamor e a soidade. Los increíbles opta ao Premio Kutxa-Nuevos Directores, dotado con 90.000 euros, nunha sección internacional na que compiten primeiras ou segundas obras dos seus directores, todas elas exemplo da produción cinematográfica mundial máis recente e inédita.

Pola súa banda, Operación E é unha coprodución hispano-francesa, na que a empresa galega ZircoZine participa xunto con Tormenta Films e Ajoz Films, e que conta coa colaboración de TVE, Canal + Francia e o apoio do ICAA (Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales). O filme está dirixido polo hispano-francés Miguel Courtois Paternina, realizador de GAL e Lobo, de novo cun guión asinado por Antonio Onetti. O protagonista é o actor galego Luís Tosar, quen da vida a un campesiño colombiano nun papel novidoso dentro da súa filmografía. Acompáñano no elenco a actriz colombiana Martina García e o tamén galego Farruco Castromán, entre outros.

MIPCOM e Ventana Sur

A promoción e a internacionalización do audiovisual galego continúa a ser unha das prioridades da política cultural da Xunta de Galicia que, a través da Agadic, estará tamén presente noutras destacadas citas internacionais que terán lugar nos vindeiros meses: MIPCOM de Cannes, o mercado de referencia a nivel mundial en canto a contidos audiovisuais, e no encontro Ventana Sur de Bos Aires, o máis importante foro de compra-venda de produto cinematográfico de América Latina.

Ademais, o cine galego contará con representación no Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges a través da película Invasor, da produtora Vaca Films, seleccionada dentro da sección oficial.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-09-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES